O BNG de Ferrol ten como prioridade a atención ás persoas maiores e ás mulleres

Iván Rivas na presentación da campaña | BNG

O BNG de Ferrol ten coma prioridade a atención ás persoas maiores e ás mulleres, as grandes esquecidas. “É preciso que se deixe de delegar a empresas privadas a xestión da súa atención, a través de contratos que non só afectan aos traballadores, senón que pola precariedade das condicións, precarizan tamén o servizo”, apuntou o candidato á alcaldía, Iván Rivas.

Por tanto, «no só é necesario facer atractiva a cidade para a xente de fóra (dende o punto de vista urbanístico, con procesos de peonalización e dende o punto de vista arquitectónico, con decisións contundentes destinadas á rehabilitación); senón que estas decisións xunto coa mellora da accesibilidade teñen que ir acompañadas co feito de asumir de maneira directa a xestión da atención aos maiores, esixíndolle á Xunta de Galiza a súa aportación económica para prestar un servizo da súa competencia«.

Neste contexto, para o BNG a xestión do Concello «debe ser intervencionista, dende a defensa da capacidade da administración pública para prestar servizos e mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas de Ferrol. A xestión directa da administración e dos servizos públicos é a fórmula que mellor garante o seu funcionamento, con criterios de calidade e interese público«.

Para o BNG é preciso ademais que o «Concello manteña decidido impulso pola conciliación da vida laboral e familiar desde unha perspectiva transversal, apostando por incrementar, investir e mellorar todos os servizos que favorezan a vida das mulleres esixindo ao resto de administracións o cumprimento dos obxectivos de xénero«.

Lea también

Gran brillantez en el acto de entrega de los premios «ártabros-2023-24» de Galicia Ártabra

En una brillante jornada, con “abarrote total” en la tarde del sábado, día 20 de abril …