Terra Galega celebrou un acto electoral en Santa Rita de Xuvia

O equipo de Terra Galega iniciou este mércores os actos de campaña cunha nova sesión da iniciativa Vémonos na rúa!, nesta ocasión a partir das 17.00 horas no Parque do Río Freixeiro. Ata alí se desprazou a candidata de TEGA á alcaldía da cidade, Marián Ferreiro, para reunirse con veciñas e veciños e conversar con eles sobre propostas de futuro da cidade. Xa pola noite, ás 21.00 horas, Ferreiro e Ibán Santalla –integrante co número 5 da candidatura- participaron no acto electoral celebrado no local social de Santa Rita, na parroquia de Xuvia.

Comezou o turno de intervencións Santalla, que valorou a súa experiencia durante os catro últimos anos como concelleiro de Servizos na cidade e recoñeceu estar “orgulloso de continuar formando parte de este equipo liderado por Marián Ferreiro e no que tamén nos acompañan un grupo de homes e mulleres que coñecen á perfección a nosa cidade, como veciños e veciños dos diferentes barrios e parroquias de Narón”.

A continuación, Marián Ferreiro dirixiuse aos veciños e veciñas de Xuvia presentes no acto para avanzarlles parte dun ambicioso proxecto que será unha realidade no vindeiro mandato e sobre o que xa se deron os primeiros pasos. A candidata de TEGA explicou que o antigo cuartel da Garda Civil de Xuvia demolerase para construír nesa parcela un gran centro sociocomunitario cunha piscina terapéutica, iniciativa enmarcada no eixo “Unha cidade máis humana”, do programa co que TEGA concorre ás próximas eleccións municipais. “As novas instalacións disporán dun local social con cafetería e donde haberá unha piscina terapéutica, unha sala de fisioterapia, un xinmasio e un salón de actos, un proxecto para o que xa dispoñemos do pertinente estudo porque queremos convertilo canto antes nunha realidade”, subliñou Ferreiro. “O local social e o salón de actos, ocuparán uns 300 metros cadrados e disporán de sala de estar, zona de obradoiros, de administración, sala multiusos e cafetería, área de recepción e salón de actos”, explicou, se ben a piscina terapéutica, avanzou Ferreiro, terá unhas dimensións de 8×5 metros e contará con sala de fisioterapia e ximnasio, ocupando o conxunto uns 480 metros cadrados. A construción das novas instalacións –en dous volumes que estarán comunicados por unha pérgola- e o acondicionamento da zona verde exterior permitirán habilitar uns servizos funcionais na parroquia sobre unha parcela de algo máis de 2.000 metros cadrados, tal e como recordou a candidata de TEGA.

Entre os proxectos para esta parroquia Ferreiro centrouse tamén no que enlazará os paseos marítimos de Xuvia e Freixeiro, tamén enmarcado na proposta “Unha cidade máis humana”. “Proxectamos unha senda peonil e ciclista que será única na comarca, para a que xa iniciamos os traballos de expropiación e que bordeará o río Freixeiro, entre a zona do Cadaval e a parroquia de Xuvia. Disporá dun total de catro áreas de descanso –dúas duns 5.000 metros cadrados, unha de 3.000 e outra de 15.500- con accesos desde a avenida Miguel de Cervantes, o Camiño de Cornido, a estrada Conde de Fenosa e outra próxima ao muíño das Aceñas”, avanzou Ferreiro. En total a extensión desta senda peonil e ciclista é duns 70.000 metros cadrados dos que algo máis de 20.000 son de titularidade municipal.

O terceiro gran proxecto para esta parroquia é a habilitación dun Centro de Interpretación no muíño de Xuvia, enmarcado na proposta “Dinamización económica e Turística” do programa de TEGA. “Trátase neste caso dunha actuación que permitirá rehabilitar a que fora a primeira fábrica fariñeira do país e que forma parte, como tal, da historia industrial da nosa cidade, que é precisamente a que queremos recuperar e poñer en valor con cargo a esta actuación. Unha sala de exposicións, fotografías e paneis informativos sobre a historia desta construción deixarán constancia do relevante papel que xogou esta edificación no século XVIII».

Ferreiro explicou que, a maiores, se continuará avanzando en materia enerxética “se ben dende hai unhas semanas veredes que xa se está traballando, substituíndo as luminarias antigas por outras de tecnoloxía led nas rúas e prazas deste barrio” e tamén se seguirá avanzando en materia de accesibilidade, tal e como se fixo nos viais perpendiculares á estrada de Castela.
A zona do paseo marítimo de Xuvia, onde no último mandato se instalou unha tirolina, un Circuíto Vita, se ampliou o equipamento do parque infantil e biosaudable e se están instalando dous xogos de área e ultimando unha pista multideporte, “ampliaremos a actual oferta cunha área de xogos de auga”, asegurou a candidata de TEGA, recalcando noutro dos eixos do programa da formación, “Narón para as persoas”, xunto coa dinamización do deporte e a cultura a través da área “Vive o deporte e a cultura”.

Na xornada deste xoves o acto electoral de TEGA celebrarase na parroquia de Pedroso, nas instalacións da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, onde intervirá a candidata á alcaldía, Marián Ferreiro, e tamén María Pilar Testa, número 20 da candidatura de TEGA.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …