A Deputación da Coruña e o Concello de Neda destinan 100.000 € para un proxecto de eliminación dos vertidos á Ría de Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra, asinaron un convenio mediante o cal ambas as dúas administracións financiarán con 100.000 euros unha actuación para eliminar os vertidos á Ría de Ferrol que se están a producir na zona da estación do ferrocarril desta localidade debido a unha serie de deficiencias na rede.

Un total de 80.000 €, o 80,00 % do orzamento total do proxecto que ascende a 100.000 €, é a achega que a Deputación da Coruña destinará ás obras de eliminación dos vertidos á Ría de Ferrol na zona da estación do ferrocarril, no Concello de Neda, e ao acondicionamento dun paso sobre a vía no acceso ao Pazo da Merced. Esta actuación contribuirá á solventar definitivamente unha serie de problemas que se estaban a producir na rede de saneamento do Concello.

Por un lado, un dos colectores que proveñen da zona de Puntal de Abaixo e do Regueiro e que percorre a marxe oeste do trazado do ferrocarril, está a desbordar nun punto no que o mantemento é imposible, coa conseguinte invasión deste caudal cara as vías do tren á altura do Pazo da Merced.

Por outra banda, hai un exceso de caudal no trazado do colector da zona do Regueiro cara o bombeo de residuais da zona da Estación, o que provoca que esta estación estea aliviando o exceso de caudal cara a ría e que o que se bombea á EDAR presente un grao de contaminantes que dificultan os procesos químicos que se teñen que producir na mesma.

Para solucionar estas problemáticas, levaranse a cabo dúas actuación complementarias: a separación de augas pluviais na rúa Regueiro e anexas e a reparación das canalizacións de saneamento na intersección da avenida de Algeciras coa rúa Regueiro, segundo explicou o alcalde de Neda. Posteriormente, repoñeranse os firmes e as beirarrúas que se vaian a demoler.

Ademais, no acceso ao Pazo, para solventar o vertido ás vías do tren, executarase un novo colector e construirase un pozo de bombeo na marxe oeste da vía. Nesa zona, o xiro dos vehículos está a causar danos no pretil de pedra do paso superior, polo que se retirarán as dúas filas de pedras que están a recibir os golpes dos vehículos e que constitúen un perigo para a seguridade viaria e tamén se colocará unha malla metálica que deixará máis espazo aos xiros e evitará os desprendementos.

A Deputación da Coruña responde así á demanda do Concello de Neda, que quedou fora das actuacións de captación e depuración de augas das marxes norte e sur da ría que resolveron o saneamento dos concellos da Ría (Ferrol, Narón, Fene, Ares e Mugardos).

Gabinete de Prensa

Lea también

As Pontes invirte preto de 110.000€ na mellora da rúa da Balsa

O Concello de As Pontes investirá 109.053 euros, procedentes da Deputación da Coruña, no proxecto …