Mato considera prioritario elaborar un plan estratéxico de política social

Ángel Mato presentando las medidas | Adán Puentes

Para definir, optimizar e loitar con todas as ferramentas ao alcance para acadar o noso obxectivo en materia social, que non é outro que o de garantir a toda a cidadanía unhas condicións de vida dignas, para o PSOE de Ferrol resulta fundamental elaborar e poñer en marcha un Plan Estratéxico de Política Social.

E este é o primeiro obxectivo de goberno nesta área que se marcou o socialista Ángel Mato, que presentou o seu programa nun encontro específico aos representantes de entidades do terceiro sector da cidade, ás que integrou nese plan como pezas clave á hora da súa realización e posterior execución.

De forma paralela, Mato propuxo a creación dunha Mesa Social, da que emanen mesas sectoriais, para traballar de forma coordinada e, así, “unir sinerxias, optimizar os recursos ao noso alcance e evitar a duplicidade de servizos“.

A posta en marcha de programas de alfabetización e de inserción social, así como plans de prevención para a infancia para, desta forma, evitar a exclusión e a perpetuación da pobreza, son outras das iniciativas que contempla o PSdeG-PSOE no seu programa, “que tamén inclúe manter e mellorar, se é posible, as axudas a entidades sociais a través de programas e concertos que desenvolvan políticas activas, e axilizar a administración para facilitar a tramitación de documentación, axudas e subvencións“.

Mato abordou a necesidade de desenvolver políticas dirixidas ás persoas maiores e, neste eido, apostou por poñer en marcha un servizo de acompañamento no rural, e pola posta en funcionamento dunha residencia e centro de día no edificio da Politécnica de Serantes que, como lembrou, “quedará baleiro despois da decisión da Universidade da Coruña de intregar todo o campus en Esteiro“.

A este respecto, o candidato socialista defendeu esta opción fronte a que defende o Partido Popular de Rey Varela, a de O Boial, “posto que en Serantes conta xusto fronte ao inmoble cun centro de saúde e unha parada de bus, ademais de ter xa a edificación construida e de situarse máis próxima ao casco urbano de Ferrol“.

Fomentar servizos polivalentes para a axuda no fogar, atención á dependencia, banco de tempo e bancos solidarios, ademais de mellorar e incrementar paulatinamente os recursos humanos dos servizos sociais municipais son outros compromisos que trasladou Mato aos representantes do terceiro sector que se deron cita no encontro.

O candidato lembrou que os servizos sociais son peza clave na concepción socialista da sociedade e do chamado estado do benestar e, de feito, destacou que a blindaxe destas políticas para acceder a todos os recursos debe quedar fóra do debate e de aí que forme parte deses “10 acordos de cidade” que o propio Mato presentou hai un par de semanas para garantir o consenso políticos en dez asuntos estratéxicos para Ferrol.

Lea también

Un total de 55 mulleres participan no primeiro Curso de Autodefensa ante Situacións Violentas que comeza hoxe

Un total de 55 mulleres comezaron hoxe a primeira edición do Curso de Autodefensa para …