Terra Galega cedería terreos á Xunta para unha residencia de maiores, incluso con aportación económica

Marián Ferreiro propón máis recursos para persoas con dependencia, un Centro de Integrado de FP e melloras en instalacións deportivas para avanzar nun “Narón para as persoas”

Unha das prioridades do equipo de Marián Ferreiro, candidata á Alcaldía de Narón por Terra Galega, continuará sendo no vindeiro mandato a mellora da calidade de vida das veciñas e veciños da cidade. Así se recolle no programa electoral presentado aos naroneses e naronesas, e no que se contempla a necesidade de construír unha residencia para persoas maiores. O Concello conta con varios terreos que poderían albergar estas instalacións e que, tal e como explicou Ferreiro, “estamos dispostos a ceder á Xunta, tal e como fixemos coa parcela do novo centro de saúde, para que constrúa en Narón esa tan necesaria residencia pública para persoas maiores e incluso ofrecemos a posibilidade de realizar algunha aportación económica para que estas instalacións que tanto precisa a cidade sexan unha realidade canto antes”.

O investimento municipal destinado a atender e coidar ás persoas con dependencia, a través de diferentes políticas, será tamén prioritario para Terra Galega, que destinará a esta área unha partida de 2,1 millóns de euros este ano. “Dende a administración local esixiremos ás administracións supramunicipais que cumpran coas súas competencias nesta área, atendendo as necesidades do noso concello e nós continuaremos traballando para que as persoas dependentes poidan ter os coidados que precisan e tamén as súas familias os recursos e a formación necesarios para atendelos”, apuntou a candidata de TEGA. En canto ás persoas maiores, desde Terra Galega tamén se prevé ampliar a programación de actividades nos Centros Comunitarios Integrados da cidade.

Ferreiro asegurou que se comezará a traballar no terceiro Plan de Igualdade para as Mulleres de Narón e se transversalizará a perspectiva de xénero nos programas e accións municipais, ao tempo que se avanzará en materia de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero e se incrementará o número de obradoiros de igualdade e corresponsabilidade.
Todas estas propostas complementaranse con outras como a recuperación da zona litoral da Gándara, donde plantaremos novas especies arbóreas nos vindeiros anos, autóctonas nos casos nos que sexa posible”, explicou Ferreiro.

As entidades sociais do municipio contarán tamén cun espazo comunitario que se habilitará no actual centro de saúde do Alto, unha vez que comecen a funcionar as instalacións que se están construíndo, tal e como asegurou a candidata de TEGA, que recalcou que “trataremos de que as entidades que traballan para mellorar a calidade de vida das persoas conten con espazos nos que poder desenvolver o seu traballo nas mellores condicións posibles”.

Na área de Educación Ferreiro subliñou que “seguiremos ofrecendo a colaboración do Concello á administración autonómica para que mellore tanto as instalacións educativas como a ampliación dos ciclos de Formación Profesional nesta cidade” e, neste punto, aludiu tamén á necesidade de ampliar a oferta educativa no Concello a través de acordos coa Xunta e de promover un centro de educación Infantil e Primaria na zona do Alto, así como un Centro Integrado de Formación Profesional con ciclos superiores axeitados á realidade da comarca. En canto aos centros, indicou, “continuaremos apoiando as escolas rurais do noso municipio, esixindo que se manteñan abertas se hai demanda de prazas, como é o caso da de Pedroso”.

O equipo de Terra Galega “continuará apostando por iniciativas vencelladas á educación e seguridade viaria, programas de educación extraescolar, os Camiños Escolares Seguros e fomentando o uso da lingua galega na área educativa, entre outras iniciativas”.

“A candidatura de Terra Galega somos un equipo de mulleres e homes de Narón, que coñecemos os nosos barrios e parroquias e as súas necesidades, que cada ano son menos porque grazas ao apoio das naronesas e naroneses se foi completando cada catro anos o noso programa, viable e executable economicamente”, subliñou Ferreiro.

 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …