Olaia Ledo pide o voto para o BNG para “iniciar a transformación que precisa Narón”

A candidata do BNG á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo, animou na tarde deste xoves á veciñanza do concello a “confiar na nosa organización o vindeiro 26 de maio para acometer a transformación que Narón precisa”.

No mitin central celebrado en Xuvia, a cabeza de lista da organización nacionalista pediu o voto para o BNG porque, dixo, “esta formación ten demostrado que onde goberna cunha ampla maioría é quen de transformar as cousas e nós queremos estender ese modelo de cidade a Narón”.

Na súa intervención, que puxo o colofón a un acto no que tamén participaron o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Fandiño, e os candidatos número 2 e 3 da lista, Geno CarballeiraDolores Prieto, respectivamente, Ledo recoñeceu o traballo do BNG no cogoberno de Narón ao longo dos últimos sete anos e medio, “con logros importantes nas áreas que diriximos – Promoción Social e Igualdade e Promoción Económica e Xestión Orzamentaria-, principalmente polo feito de ter mudado o foco de acción cara ás persoas”.

Cos deberes cumpridos, Ledo afirmou que chegou o momento de encetar esa transformación “cunha equipa de persoas traballadoras e ilusionadas que se materializa nun programa completo no que levamos traballando máis dun ano e falado con máis dun cento de persoas que fixeron as súas achegas”.

Ledo falou de Xuvia, parroquia da que é veciña, como exemplo “da necesidade de cambio que necesita Narón. Temos que pór en valor o patrimonio que temos, o paseo do río Xuvia,
recuperar a Casa Román, facer do Muíño un referente que permita mudar as dinámicas”.

Narón funciona, pero se tes coche”, dixo, “e o noso obxectivo é cohesionar o concello, humanizalo, gañar o espazo público, pois é aquí onde todas e todos somos iguais, máis alá da nosa condición social ou económica. Para iso presentamos un programa que ilusiona porque non queremos ser conformistas; o BNG non é unha organización que se conforma, senón que é unha organización que quere mudar as cousas, que quere transformar a realidade para facela mellor, para todas e para todos, sen distincións”.

“Temos as ideas claras e, como dicía Castelao, o verdadeiro heroísmo está en transformar os
desexos en realidades e as ideas en feitos. E é un feito que alí onde o BNG goberna, gañan as
persoas”.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …