Ángel Mato fai un chamamento a votar asegurando que o PSOE é o garante dun goberno “estable, e eficaz e para toda a cidadanía”

Ángel Mato no Bar Sur | Adán Puentes

Remata a campaña para o candidato socialista a alcaldía de Ferrol, Ángel Mato, cunha chamada á participación nos comicios do 26 de maio. Ángel Mato facía un chamamento esta mañá á cidadanía a “acudir masivamente” a votar este domingo e “decidir que goberno queren as ferrolás e ferroláns para a cidade”. Para Mato, o equipo que el encabeza “é o mellor garante dun goberno establece, eficaz e para todos e todas”.

Para o candidato socialista, o futuro de Ferrol depende do que a cidadanía elixa este domingo 26 de maio e, a este respecto, asegurou que “a cidade ten a oportunidade de abordar un mellor futuro, xerar máis emprego e frear o despoboamento”. Segundo asegurou, o Partido Socialista está na mellor disposición para, “sen prexuízos, con diálogo e cunha interlocución directa co Goberno de España, garantir un goberno estable, eficaz e para todos e todas”.

Ángel Mato destacou a “aposta firme” que ten amosado o Goberno socialista de Pedro Sánchez nestes menos de doce meses de lexislatura, coa sinatura dos contratos das F-110 para Navantia e afirmou que os vindeiro catro anos o alcalde de Ferrol “terá que sacar adiante novos proxectos que dependen do Goberno que hai en Madrid”, como resolver de forma definitiva o convenio de Defensa, buscar as diferentes opcións existentes para garantir carga de traballo durante o período previo ao inicio de construcción das fragatas ou as conexións ferroviarias coa Coruña e o Eixo Atlántico para que Ferrol deixe de perder poboación e mellore as súas perspectivas de desenvolvemento económico.

Precisamente poñer solución aos dous grandes problemas que ten Ferrol, como son o desemprego e o despoboamento paulatino, é o grande obxectivo do programa electoral que Mato ten defendido estas semanas de campaña que, como lembrou, comezou coa proposta de “10 acordos de cidade” que pretendían deixar fóra do debate político dez temas estratéxicos para Ferrol para sacalos adiante de forma consensuada –aunar esforzos para acadar recursos para política social; ampliación da área sanitaria; saneamento do rural; convenio con Defensa; candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial; mellorar as conexión ferroviarias; ampliar e desenvolver o campus industrial; axilizar e poñer en marcha o proxecto do estaleiro 4.0; rehabilitación de Ferrol Vello; e depresión das Pías-, e así poder avanzar no futuro e desenvolvemento que precisa a cidade. O programa socialista, como subliñou, é “realista, crible e que se pode cumprir”.

Xa pola tarde, o candidato socialista remataba a súa campaña no Bar Sur, para poñer tamén o punto e final a súa iniciativa «Un pincho co candidato», dando a coñecer o seu proxecto e respondendo as preguntas realizadas polos clientes.

Lea también

FeC denuncia o lamentable estado dos parques caninos

Ferrol en Común denuncia «o estado lamentable no que se atopan os parques caninos da …