Fernán Martís e Isabel de Castro e Andrade, dous vagalumes eumeses nos séculos escuros da literatura galega.

José Fonte Sardiña
Logo dos tempos de esplendor vividos pola poesía galega, coas Cantigas de Santa María, impulsadas e talvez algunhas mesmo compostas polo rei Afonso X o Sabio (1252-1284), fundador da vila de Pontedeume en 1270, e coa lírica trobadoresca

Alfonso X

galego-portuguesa, vixente entre 1200 e 1350, viñeron os chamados séculos escuros transcorridos entre os solpores da Idade Media e os albores do Rexurdimento, cando viron a luz os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, en 1863.

A lingua vernácula fora proscrita en todos os círculos de poder e no eido administrativo, e a literatura galega desaparecera practicamente como forma de expresión escrita. Así e todo, nesta longa noite de pedra de máis de cinco séculos, brillaron con luz propia entre tanta tebra dous vagalumes literarios eumeses, humildes e efémeros, malia que intensos, que moito tiñan que ver coa Casa dos Andrade. Os seus protagonistas foron, por unha banda, o mecenas Fernán Pérez de Andrade o Bo, primeiro señor da vila, e o tradutor Fernán Martís, tamén relevante eumés de veciñanza ―mesmo o Ateneo Eumés leva o seu nome―, e pola outra, a poetisa Isabel de Castro e Andrade, neta do conde de Vilalba e oitavo señor de Pontedeume Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas. Como ben di Ramiro Fonte, “nós eramos descendentes dos Andrade, unha das máis poderosas casas da Galicia medieval. Donos de vidas e facendas, señores de forca e coitelo, pero tamén cultos” (Ramiro Fonte: Os meus ollos, Vigo, 2003, p. 74).

Sepulcro Pérez de Andrade

Pouco despois de ser nomeado primeiro señor da vila de Pontedeume, por mor do privilexio de dezanove de decembro de 1371, asinado en Burgos polo rei Henrique II (1369-1379), Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo, mandáralle traducir ao galego a Crónica Troiana a Fernán Martís e foi publicada na nosa lingua en 1373. O profesor e lingüista Ramón Lorenzo realizou, no ano 1985, co patrocinio da Fundación Barrié, unha marabillosa edición que incorporaba ademais un rigoroso estudo introdutorio desta obra traducida ao galego en 1373 por Fernán Martís (Ramón Lorenzo Vázquez (ed.): Crónica Troiana, A Coruña, 1985). Así e todo, a tradución galega do noso veciño Fernán Martís xa fora editada, ben que máis modestamente, en 1900, por Antonio Martínez Salazar: Crónica Troyana. Códice Gallego del siglo XIV de la Biblioteca Nacional de Madrid, A Coruña, 1900.
O outro oasis eumés no deserto da literatura galega daqueles tempos foi creado pola filla de Fernando Ruíz de Castro Osorio de Portugal, conde de Lemos e marqués de Sarria, e de Tareixa de Andrade, e neta, xa que logo, de Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, oitavo señor de Pontedeume e segundo conde de Vilalba. Isabel de Castro e Andrade, nacida en Pontedeume como súa nai e seu avó, pouco antes de morrer en 1582, compuxo este soneto renacentista, nun galego algo aportuguesado.

Sepulcro Fernando de Andrade

Araucana naçao mais venturosa
mais q quantas og’ha de gloria dina
pois na prosperidade e na ruina
senpre enuejada astais, nunca enuejosa.

Se enresta, ó illustre Afonso, a temerosa
langa, se aranca a espada q fulmina
creyo que julgareis que determina
s’o conquistar a terra bellicosa.

Faraa, mais nao temais esta mao forte
que se vos tira a liberdade é a vida,
ella vos pagará be largamente.

Qu’atroco dúa breue e honrrada morte,
co seu diuino estilo, esclarecida
deixará vossa fama eternamente.

Así e todo, a súa publicación póstuma non viu a luz ata o ano 1589, formando parte da obra de Alonso de Ercilla Tercera / Parte de la / Araucana de don Alonso de Ercilla y çuñiga. / Cauallero de la orden de Santiago, gentil / hombre de la camara dela Magestad / del Emperador / Dirigida al Rey / don Felipe nuestro señor / Con privilegio / En Madrid / En Casa de Pedro Madrigal / Año de 1589, conservada en Madrid na Biblioteca Nacional.

O soneto foi recollido tamén, séculos máis tarde, por Juan Pérez de Guzmán no Cancionero de la Rosa, en 1891; e logo nun artigo de Eugenio Carré Aldao, titulado “Una poetisa gallega del siglo XVI. Doña Isabel de Castro y Andrade. Condesa de Altamira”, no Boletín de la Real Academia Gallega, en 1916.

En 1978, publicouse un estudo máis completo deste autor, nun libriño editado pola Deputación Provincial da Coruña.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …

Un comentario

  1. Belén López Lapique

    Me alegra que contéis con la colaboración de José Fonte Sardina, persona humilde, culta y generosa con su trabajo y reconocimiento del trabajo de otros autores o artistas de cualquier modalidad ( pintura, escritura, fotografía etc), amante de nuestra lengua y de su pueblo, Pontedeume. Gracias a él, se ha despertado mi amor por nuestro idioma y el poder leer con soltura él mismo.