Saudade do San Xoán eumés da miña infancia e lembranza da serea Mariña

José Fonte Sardiña

Saudade do San Xoán eumés da miña infancia e lembranza da serea Mariña, que recuperou a voz nesa noite máxica. (Ilustracións de Sandra Sarmiento Viña).

Conta Vicente Risco na súa Etnografía que en Galicia a veneración do lume debeu ter outrora unha grande importancia e que na memoria inconsciente do pobo adquiriu un carácter sagrado. O culto ao lume dábase no folión das festas que se facían no cume dun monte, onde se acendía unha fogueira para bailar ao seu redor.

Así e todo, os que teñen un carácter máis ritual son os lumes de San Xoán, que posúen unha virtude purificadora. Cada grupo fai o seu lume e brincan por riba da fogueira uns atrás dos outros, sen medo de se queimaren. Para ben ser, cómpre saltar varias veces, sempre en número impar, unha para un lado e outra para outro. A vila de Pontedeume abofé que non era allea a esta tradición do salto do folión, como nos conta mellor ca ninguén o noso bardo Ramiro Fonte en “Os meus ollos“.

Cando eu era un neno, o vinte e tres de xuño comezabamos as vacacións de verán e carretabamos toda a tarde mobles vellos que nos daban nas casas para o folión, que logo de noite arderían cos cadernos enchidos de problemas de matemáticas, ditados e redaccións. Tamén se comían as sardiñas, que polo San Xoán xa pingaban no pan, e saltabamos por riba do lume purificador, cada un no que se facía máis preto da súa casa. Eu fun primeiro do que había no Coliseo e máis tarde dos das Virtudes e A Calzada, ata que as prazas se empedraron e deixaron de ser de terra.

Hoxe, malia que en moitos barrios e mesmo na rúa Real se fai a tradicional sardiñada, a festa trasladouse á praia de Cabanas e a vila perdeu boa parte do encanto desa noite de San Xoán que moitos quixeramos recuperar.

A serea Mariña

Sempre vén esta noite á miña memoria a lenda da serea Mariña. Consonte os relatos da Chançon de Roland e do Códice Calixtino, Roldán morreu o quince de agosto do ano 778 na batalla de Roncesvalles loitando contra os infieis no exército comandado por Carlomagno. Ao verse en perigo, fixo soar o seu olifante para avisar ao emperador pero xa era demasiado tarde para que o salvaran. O seu corpo morto foi embalsamado alí e levado logo á cidade francesa de Blaye para o enterrar. Así e todo, contan en Sálvora que a historia non foi como din estes libros. Segundo alí aseguran, Roldán logrou fuxir ferido desde Roncesvalles ata o porto de San Sebastián, onde colleu un barco no que atravesou o Cantábrico, pasou polo noso golfo Ártabro e chegou a esta illa do Atlántico.

Xa en Sálvora, construíu unha xeitosa casa e quedou alí a vivir sen dar a coñecer a súa verdadeira identidade. No solpor dun día que paseaba pola praia viu tirado na orela o corpo dunha muller moribunda, colleuna no colo e levouna ao seu fogar. Roldán quedou enfeitizado coa beleza da rapaza e coidouna con tanto agarimo que a moza sandou aos poucos días. A fermosa rapaza de longos cabelos louros era unha serea que chegara perdida ata a illa e non podía falar. É ben sabido que estes seres mitolóxicos mudan a súa cola de peixe cando están fóra da auga salgada por unhas pernas de muller e perden a súa sempre deliciosa e feiticeira voz.

Como a serea non podía falar, Roldán púxolle o nome de Mariña, porque viña do mar, e á rapaza semellaba que lle gustaba. O amor non tardou en xurdir entre eles e só dez meses despois de que a serea chegase á illa xa tiñan un fillo ao que chamaron Xoán.

Na véspera da festa do santo do neno, cando aínda non cumprira o seu primeiro ano, como mandaba unha tradición que Mariña ignoraba, Roldán acendeu un enorme folión na praia para o saltar. Cando as lapas estaban máis altas, Roldán colleu o seu fillo no colo, foi correndo cara ao folión, deu un gran chimpo e atravesaron os dous o ancestral lume purificador, mentres as muxicas salpicaban os seus rostros.

Mariña, como descoñecía aquel costume, pensou que Roldán se volvera tolo e quería queimar o seu fillo nas lapas polo que tentou chamalo con tanta forza para o deter que recuperou a súa voz. Roldán tranquilizou a Mariña e explicoulle que saltara con Xoán o folión seguindo unha vella tradición e xuroulle que el nunca poría en perigo o seu fillo.

O neno medrou feliz e, cando se fixo maior, marchou da illa. Roldán e Mariña viviron xuntos e namorados moitos anos en Sálvora e abofé que foron moi ditosos. Cando morreu Roldán, Mariña volveu ao mar, recuperou a súa cola de peixe coa auga salgada e viviu eternamente na súa antiga cova co espírito do seu namorado como compañeiro.

Contan os vellos mariñeiros que sucan as augas do Atlántico que, aínda hoxe, nos días nos que o mar está máis embravecido, Roldán fai soar o seu olifante para os avisar do perigo, e que tamén o fai a noite meiga de San Xoán.

 

Lea también

El policía mayor del Reino

Por Gabriel Elorriaga F. Parece mentira que una persona, juez de profesión, no sepa que cuando …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *