O X Feirón Medieval dos Andrade revivirá na vila a historia e as lendas do Pontedeume daqueles tempos.

José Fonte Sardiña

Os días cinco, seis e sete de xullo os principais monumentos e as empedradas rúas de Pontedeume, que estaban dentro da vella muralla medieval, cubriranse de bandeiras brasonadas, pendóns e grilandas, e as súas xentes vestiremos os traxes daqueles tempos para revivir, con paixón e sentimento, como sempre o facemos, a nosa historia, desde a fundación da vila o trinta de decembro de 1270, polo privilexio do rei Afonso X o Sabio ―que lle cantara ou mandara cantar en galego á Virxe nas Cantigas de Santa María―, ata a fusión das Casas de Andrade e de Lemos na persoa de Pedro Ruiz de Castro e Andrade, alcumado o Vello, señor de Pontedeume e conde de Vilalba desde 1542 ―o primeiro de maio de 1543, o rei Carlos I concedeulle tamén ao Vello o título de conde de Andrade―, en 1576, despois do pasamento do seu pai, o conde de Lemos, Fernando Ruiz de Castro Osorio e Portugal, cando os novos señores, en opinión de Couceiro Freijomil, lle negan os factores de prosperidade que os Andrade lle subministraban á vila e se limitan a vivir a conta dela, minguando así bastante a súa antiga sona e o seu esplendor.

Algo máis de cen anos despois da fundación da vila, Henrique II o das Mercedes, por un privilexio asinado o dezanove de decembro de 1371, concédelle o señorío de Pontedeume a Fernán Pérez de Andrade o Bo, polos “moitos, bos, leais e moi grandes servizos” que lle prestara, entre os que é parte importante a súa axuda no fratricidio de Montiel, polo que fora proclamado rei. Hai quen lle atribúe ao Bo a autoría da frase “non quito nin poño rei, mais axudo ao meu señor”. Tamén lembraremos a revolta irmandiña de 1431 contra o terceiro señor da vila Nuno Freire de Andrade o Mao, acaudillada por Roi Xordo, de quen afirma César Vaamonde Lores “que soñou coa liberación da súa patria, pasou polo duro transo de presenciar como a súa obra, con tan bos auspicios comezada e tan felizmente continuada, tivo un final tan imprevisto como malfadado. Este home extraordinario é, sen disputa, o primeiro, verdadeiro e único heroe das liberdades galegas, e moi merecente de que se reivindique a súa memoria e se lle rendan homenaxes”. Recordaremos, ademais, a participación do noso oitavo señor, o conde Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas na batalla de Seminara, que o fixo merecente do título de príncipe de Caserta e de incorporar as dezaoito bandeiras gañadas no combate ao seu escudo, que hoxe campa nas fachadas do Torreón e da igrexa parroquial. Este mesmo Fernando de Andrade non dubidou tampouco en reclamar, en 1520, diante do rei Carlos I de España, voz e voto para Galicia nas Cortes Xerais e en pedirlle ao monarca que prohibise a Zamora falar no nome de Galicia.

Envoltas na néboa do tempo e transmitidas polos nosos devanceiros de xeración en xeración, chegaron tamén a nós fermosas lendas medievais que aprendemos de nenos, como a do anel que san Rosendo guindou ao río Eume e apareceu nas entrañas dun reo, a do neno que atoparon na capela de San Miguel de Breamo no Nadal de 1187, a que conta como foron salgadas as augas do Esteiro do Eume, a que fala da construción por Fernán Pérez de Andrade o Bo de sete pontes, sete igrexas, sete mosteiros e sete hospitais no Camiño Inglés, as dúas versións da construción da nosa ponte medieval que fixeron que os máis retranqueiros chamasen á nosa vila Ponte do Demo no canto de Pontedeume, a da serea das Mirandas, a do Castelo da Fame no que morreron de inanición Elvira e Mauro, a de Roxín Roxal ―na versión de Benito Vicetto aquel heroe eumés convértese en efémero rei de Galicia―, a de Roi o paxe parricida do castelo de Andrade, a de Vasco o Trobeiro, a do gaiteiro e os lobos nas Fragas do Eume ou as dos milagres de san Nicolás.

Así e todo, Pontedeume, hoxe, libre xa de señores e doutros sometementos, quere ser dono do seu porvir, como ben expresara, xa en febreiro de 1978, o meu benquerido mestre Xoán Xosé Fernández Abella no poema que lle compuxera: “Un milagre de beleza / é a vila de Pontedeume, / con pegadas dos Andrade / tan só nas pedras, pois quere, / señora do seu destino, / ir ao seu futuro ceibe”.

 

Lea también

A misteriosa sombra nocturna do peregrino na Quintana, ao pé da catedral de Santiago

José Fonte Sardiña Contan en Santiago de Compostela que, hai xa un par de séculos, …