O Día Nacional de Galicia imaxinado por Castelao e a súa celebración en Pontedeume

José Fonte Sardiña

En 1920 a Asemblea das Irmandades da Fala acordou celebrar o Día Nacional de Galicia o vinte e cinco de xullo de cada ano. Co gallo desta festa, publicaron, no número de xullo de 1922 na revista A Nosa Terra o manifesto do seu idearium no que se definía esta data como un día de comuñón, de ledicia para os galegos, un acto externo para que moitos dos nosos compatriotas se decaten do que son, da terra nai, á que teñen que volver se queren ser algo. Desta maneira “despertarán do seu sono” e traballarán nun futuro glorioso. ¡Que hoxe todos poñan o seu pensamento en Galicia, falen a súa propia fala, e recen os versos dos nosos poetas! Nun decreto de un de xaneiro de 1979, a Xunta de Galicia declarou de xeito oficial a celebración, cada ano, do Día Nacional de Galicia o vinte e cinco de xullo, festa do apóstolo Santiago.

O vinte e cinco de xullo de 1947, Castelao, sumido na saudade e a negra sombra do exilio, fixo unha lúcida reflexión sobre o significado “que para nós ten o día do Apóstolo, convertido en Día de Galiza por ser a mellor afirmación do noso universalismo, pois sendo tan galega esta festividade non caben os seus motivos no estreito marco dunha soia patria. O seu carácter relixioso provén do misticismo cabaleiresco da Edade Media, francamente europeo, atlántico e oucidental; o seu carácter patriótico dimana da ofensiva oito veces secular iniciada en Galiza contra o Islam; e o seu carácter civil provén da confluencia dos camiños de Europa en Compostela e da irradiación do xenio de Galiza a través destes mesmos camiños […]. Pero a triple siñificación deste día márcase máis nidiamente nas tres formas iconográficas do Apóstolo [o peregrino europeo, o guerreiro hispano e o patriarca galego, das que temos en Pontedeume marabillosos expoñentes ben representativos no templo parroquial] […]. Velaí as tres sendas, os tres espritos e os tres feitos en que é doado afincar a groria deste día, un día tan grande que non hai outro que teña raíces máis fondas no sentimento popular galego, nin categoría universal máis elevada” (Castelao: Sempre en Galiza, Libro IV, capítulo I).

Así e todo, o vinte e cinco de xullo de 1923, Castelao, na festividade do Apóstolo, publicara un debuxo na primeira páxina do diario Galicia, de Vigo, titulado “Os dous espritos”, no que o Santiago cabaleiro aparece etiquetado como “O d-eles”, referíndose aos españois que defenden esta imaxe guerreira inspirada na súa aparición a prol das tropas cristiás contra os sarracenos na batalla de Clavijo, e contrapono ao Santiago en maxestade, ao que lle chama “O Noso”, evanxelizador e defensor do espírito de concordia, inspirado no do parteluz no Pórtico da Gloria do Mestre Mateo.

Como ben contaba Otero Pedrayo nun discurso pronunciado en Vigo un vinte e cinco de xullo de 1931, se no abrente deste día puidésemos voar sobre a nosa terra e percorrela en todas direccións, asistiríamos á marabilla dunha mañá única. Por todas partes xorde unha alborada de gloria. O día de festa comeza en Santiago. A torre do reloxo tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás que comunica todos os campanarios da cidade. Pero hoxe as campás de Compostela proclaman algo máis que unha festa litúrxica no interior da catedral. Anuncian unha festa étnica, filla, talvez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro. Por iso, a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galicia, de val en val e de coto en coto, desde os campanarios pimpantes da beiramar, como o da nosa igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume que tamén se une coas súas campás para repenicar esa alborada de gloria comezada pola Berenguela, ata as humildes espadanas da montaña. E o badaleo rítmico de todas as campás da nosa terra, en leda algarabía, trae luz a un mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galicia, e así comeza.

Neste vinte e cinco de xullo, tamén en Pontedeume ondeará con orgullo a bandeira de Galicia no alto da súa torre máis emblemática, o chamado Torreón dos Andrade, cumprindo así o soño de Castelao de “ver o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes” e evocará no meu corazón emocionado os fermosos versos do poema “Galicia” do gran Ramón Cabanillas en Da Terra asoballada: “Ceo branco do luar / ceo azul do mediodía: / son dous anacos de ceo / a bandeira de Galicia. // ¡Galicia! Nai e Señora, / sempre garimosa e forte; / preto e lexos; onte, agora, / mañán… na vida e na morte! // […] // A dos seráns campesinos, / a dos brilantes orballos, / a dos queixumes dos pinos / i as risadas dos carballos. // […] // ¡Sempre Nai, sempre Señora, / con leda ou cativa sorte; / preto e lexos; onte, agora, / mañán… na vida e na morte!”.

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …

Un comentario

  1. Marabilloso escrito este de José Fonte Sardiña,sempre tan escollido,cultivado,informativo.Moito se agradece poder disfrutar cousas interesantes como as que escribe sempre,asi que mil grazas e parabéns.