Ferrol conmemorou na mañá deste mércores o Día de Galicia coa tradicional ofrenda floral

Fot. Galicia Ártabra

Ferrol conmemorou na mañá deste mércores o Día de Galicia co tradicional acto institucional que todos os anos se celebra na praza do Himno Galego ante o monumento en recordo do intelectual galeguista o ferrolán Xosé Fontenla Leal .

Representantes da corporación municipal, presididos polo alcalde de Ferrol,Ángel Mato, participaron no acto no que o Real Coro Toxos e Froles marcou o inicio e o peche do mesmo con dúas actuacións. Así mesmo atopábanse representantes da Armada Española, da Policía Nacional e de distintas asociacións sociais e culturais.

Fot. Galicia Ártabra

Tras as palabras do alcalde os representantes dos distintos grupos políticos municipais e Anxo Mato realizaron unha ofrenda floral do mesmo xeito que o Toxos e Froles particulares e representantes de diversas entidades, e foron os membros do Real Coro os que puxeron o broche final ao acto interpretando o Himno Galego.

Fot. Galicia Ártabra

Conseguir un Ferrol mellor

Fot. Galicia Ártabra

No seu discurso, Ángel Mato reivindicou a figura de Xosé Fontenla Leal, «inesquecible ferrolán» ademais de fillo predilecto, pola súa contribución á creación da Real Academia Galega e por ser quen lles solicitou a Pondal e a Pascual Veiga que compuxesen, respectivamente, a letra e a música do himno galego. Por ese motivo, o alcalde reclamou que se lle tribute «unha homenaxe a nivel de Galicia, do que sen dúbida é merecedor». Dixo tamén que figuras como a de Fontenla Leal fan que a cidade poida «sentirse moi orgullosa dos seus fillos», e puxo como exemplo dous acontecementos que coincidirán o ano próximo: o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal e que o Día das Letras estará dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

Aproveitando o exemplo de tan ilustres paisanos, o alcalde finalizou a súa intervención pedindo a todos un «esforzo común para conseguir un Ferrol mellor».

Lea también

Ferreiro e Rey Varela valoran a desmontaxe das líneas de alta tensión entre Narón e Ferrol

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de …