O escudo barroco do chamado palacio de Raxoi de Pontedeume

José Fonte Sardiña

Consonte nos conta o profesor Carlos de Castro Álvarez, a hoxe chamada praza do Pan, situada entre a rúa Real e a dos Ferreiros, era, a principios do século XVIII, un solar propiedade de dona Antonia Pita da Veiga, viúva de don Gaspar de Maldonado Ponce de León. O devandito solar foi permutado en 1713 por un alfolín ou local destinado a depósito de sal, que o Concello posuía a carón da ponte. O acordo incluía o compromiso de levantar outro alfolín no solar permutado, que pasaba a ser propiedade da vila. En 1849 sae a poxa pública o derrubo deste alfolín para construír a praza do Pan. A obra remata en xuño de 1850. En 1941 foi reurbanizada a praza e en 1984 remodelada polo escultor José Díaz Fuentes, que lle colocou no seu centro unha figura de bronce que representa unha muller de longa cabeleira amasando e dándolle forma coas súas mans a un molete de pan (Foto de Carmen Rodríguez Pena).

A praza do Pan acolle a parte lateral do chamado pazo do Arcebispo Raxoi, reedificado sobre a antiga casa de seu pai durante o seu pontificado, entre 1751 e 1772, para que o prelado eumés pasase o seu tempo de lecer cando decidise vir pola súa vila natal. Os soportais da rúa Real sérvenlle de sostén á xeitosa fachada do edificio de Raxoi que a ela dá e presenta tres corpos erguidos sobre arcos de medio punto, con dúas alturas con senllos balcóns de ferro forxado en cada corpo e un ático no central, onde campa o fermoso escudo pétreo do seu propietario.

Este brasón, de estilo barroco, dispón no alto a cruz patriarcal, enclavada nunha cuncha de vieira que nos indica que Bartolomé Rajoy e Losada (1751-1772) ocupaba a sé compostelá. Debaixo, aparece o capelo ou sombreiro, que alude á súa condición de prelado, do que parten dous cordóns, rematados en dez borlas a cadanseu lado, que confirman o seu título de arcebispo primado. Baixo o capelo pode verse unha coroa real, que constata a súa estreita vinculación co rei Fernando VI (1746-1759) que o nomeara o seu capelán maior, gobernador do Consello de Castela e comisario xeral da Cruzada e llo propuxera ao papa Bieito XIV (1740-1758) como arcebispo compostelán. A ambos os lados do escudo hai dúas palmas, que poden facer referencia ao martirio sufrido polo santo que lle dá nome, Bartolomeu, probablemente porque coincidía a data do seu nacemento coa festividade deste apóstolo, o vinte e catro de agosto. O interior está dividido en catro cuarteis. No primeiro disponse unha torre sobre unha ponte de tres arcos para salvar un río que podería ser unha homenaxe ao seu Pontedeume natal, xa que no escudo municipal figuran tamén a torre e a ponte sobre o río Eume. No segundo, dous lagartos que fan referencia á liñaxe dos Losada. No terceiro, unha torre ou castelo, que pode aludir ao castelo de Andrade ou o Torreón da vila. E no cuarto, tres estrelas sobre unha banda que o cruza en diagonal.

Unha réplica máis sinxela deste brasón disponse tamén na placa que, como homenaxe a un dos seus máis preclaros fillos, colocou o pobo de Pontedeume na devandita parede lateral do palacio que dá á praza do Pan. Este escudo do arcebispo Rajoy (1751-1772) aparece así mesmo esculpido en Santiago de Compostela a ambos os lados da fachada do pazo que leva o seu nome e que mandou levantar na praza do Obradoiro e hoxe é sede do Concello e da presidencia da Xunta de Galicia, malia que presenta pequenas variantes. Tamén na Porta do Paraíso, pola que entran na catedral os peregrinos chegados a Santiago de Compostela a través do Camiño Inglés, cando non é Ano Santo, aparece o escudo do arcebispo eumés, porque se fixo no seu pontificado.

O baixo do edificio eumés fora ocupado nos meus tempos nenos por unha enxebre tenda de mobles e obxectos de vimbio, que tiña entrada pola rúa Real e abarcaba máis da metade da praza do Pan, que pechou hai xa algúns anos. O outro lado acolleu varios bares nocturnos como o Lanzas ou o Hidra, que tiñan entrada pola praza ou pola rúa dos Ferreiros (Foto de Carmen Rodríguez Pena).


O vinte e sete de novembro deste 2015 inaugurouse un novo local, o Freixo Café, que está aberto todo o día e serve tamén pola noite saborosos mojitos, caipirinhas, daiquiris e outros combinados. O local foi rehabilitado con moi bo gusto e exquisito respecto á relevancia histórica do edificio. O mesmo aconteceu este verán coa casa que fai esquina entre a praza e a rúa Real, que acolle o Stollen Coffee.

É unha magnífica noticia para Pontedeume que se lles dea uso e vida, atendendo escrupulosamente ás esixencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ás normas urbanísticas do Concello, a estes edificios que se atopan no vello recinto medieval amurallado ao pé do Camiño Inglés a Santiago de Compostela, pois dá pena ver o lamentable estado en que se atopan algúns e deixa unha imaxe da vila que cómpre cambiar, aínda que sexa con paciencia e devagariño, pero máis pronto que tarde.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …