A concelleira de Benestar Social e o presidente da Cocina Económica reafirman a súa vontade de cooperación

Eva Martínez Montero na súa visita á Cociña Económica | Concello de Ferrol

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, visitou esta mañá a Cocina Económica para coñecer de primeira man as instalacións e os servizos que presta. O presidente da entidade, Antonio Tostado Naveiras, explicoulle durante o percorrido polo comedor, as cociñas e a planta alta do edificio todos os pormenores do funcionamento diario, e detalloulle como foi a evolución do número de persoas ás que se da o xantar a diario. Nese sentido, dixo que o ano pasado houbo un incremento «preocupante», aínda que nestes momentos diminuíu ata unha media de entre 106 e 108. Aínda así, lembrou que se trata de cifras moi superiores ás de antes de que estalara a crise económica.

A edil, que estes días está a reunirse con representantes de todas as entidades sociais de Ferrol, reiteroulle a Tostado a disposición do Concello a seguir colaborando con «unha das institucións máis senlleiras» da cidade, coa que ten a intención de manter «unha comunicación permanente», da mesma forma que con todo o tecido asociativo ferrolán. Martínez Montero incidiu en que grazas a estas entidades funcionan moito mellor uns servizos sociais para os que, se ben opina que deben estar liderados sempre pola Administración, o papel de organizacións como a Cocina Económica é indispensable. «A miña intención é que o público colla máis peso, pero sempre en colaboración con elas», dixo a concelleira.

Nese senso, Antonio Tostado defendeu «a necesidade deste tipo de institucións aínda no século XXI» e agradeceulle á responsable de Benestar Social «a súa sensibilidade» por atender a súa invitación para visitar o histórico edificio da rúa Rubalcava, e transmitiulle o seu apoio «a ese gran proxecto de servizos sociais» no que Martínez Montero está a traballar. «O noso ánimo é cooperar sempre», asegurou o presidente da Cocina Económica, que engadiu: «Cremos que é moi bo que a concellería teña o liderado».

Proxectos no eido do patrimonio

Durante o seu encontro, Eva Martínez e Antonio Tostado falaron tamén da posta en valor da sede da Cocina Económica. A concelleira fixo un especial recoñecemento dos «esforzos» que a institución está a facer para recuperar o edificio, obra do arquitecto Rodolfo Ucha, tal e como era orixinalmente, e comprobou os pasos que está a dar a entidade para conseguilo. A edil explicou que é a súa intención poñer en valor construccións modernistas, sobre todo as de uso público, e que poder contar coa Cocina Económica para elo é moi importante. Espertar interese a través da ruta do modernismo é un dos proxectos nos que a súa área, en colaboración coa concellería de Turismo, que dirixe María Teresa Deus, está a traballar. Unha das actuacións que se prevén é instalar paneis informativos ante os edificios relevantes.

Lea también

La Cátedra Jorge Juan, promovida por la UDC y la Armada, conmemora su 30 aniversario en el Campus de Ferrol

El rector de la Universidad de A Coruña, Ricardo Cao Abad, preside, junto con el almirante …