O Trofeo de fútbol Cidade de Narón disputarase os días 17 e 24 en Río Seco

María Martín, Alberto Pena, José Oreona, Manuel Mesa e Bárbara Grandal na presentación | Concello de Narón

O concelleiro de Deportes, José Oreona, o delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, Manuel Mesa e Bárbara Grandal, da Sociedade Deportiva O Val; Alberto Pena, do Club Estrella e María Martín, do Club Deportivo Narón, presentaron esta mañá no Concello o Trofeo de Fútbol Cidade de Narón, que se disputará este mes nas categorías masculina e feminina. Este evento deportivo celebrarase no estadio municipal de Río Seco en dúas xornadas, tal e como avanzaron dende a organización.

O vindeiro sábado, día 17, celebrarse o torneo masculino, un triangular que se disputará a partir das 19.00 horas, no que xogarán a Sociedade Deportiva O Val, o Club Deportivo Narón e o Club Estrella, sendo o primeiro partido entre os dous primeiros clubes, O Val e Club Deportivo Narón.

O seguinte sábado, día 24, será o turno do torneo feminino, tamén ás 19.00 horas, no que xogarán a Sociedade Deportiva O Val e o Clube Deportivo Narón. O fútbol feminino cobrará especial protagonismo neste torneo nun momento no que está en auxe na comarca, tal e como confirmou Manuel Mesa, que agradeceu o respaldo do Concello para organizar este tipo de eventos, que calificou como “referente” nesta zona e do que confía que sexa “todo un éxito”.

O Concello de Narón organiza o evento, en colaboración co Club Deportivo Narón, o Club Estrella e a Sociedade Deportiva O Val.

O responsable da área municipal de Deportes animou aos afeccionados ao fútbol a que se acheguen este sábado e o vindeiro día 24 ao estadio municipal de Río Seco para desfrutar deste evento e aproveitou a presencia dos representantes dos tres clubs naroneses para felicitalos pola súa traxectoria. Oreona tamén destacou a recente participación da Sociedade Deportiva O Val e o Deportivo Narón na Copa Deputación, “polo bo torneo realizado”.

Lea también

A Deputación destina 553.000€ para financiar ata 80 entidades deportivas da provincia

A Deputación da Coruña vén de conceder un total de 80 axudas a diferentes entidades …