Ferrol e Mugardos se unen novamente para a 3º edición do Festival Jazz de Ría

María Teresa Deus, Aitana Cuétara e Lola González na presentación de Jazz de Ría | Adán Puentes

O Festival Jazz de Ría terá a súa terceira edición este fin de semana, contando novamente coa colaboración dos concellos de Ferrol e Mugardos, nun evento que foi presentado este martes no peirao de Curuxeiras pola concelleira de Turismo de Ferrol, María Teresa Deus, a concelleira de Cultura de Mugardos, Lola González e a directora do Festival, Aitana Cuétara.

As actuacións musicais do Festival Jazz da Ría son de balde e “pouco a pouco se vai asentando”, afirmaba a concelleira de Cultura de Mugardos, Lola González, onde as actuacións en Mugardos serán no Cantón de Cora e no Campo do Río do Seixo e en caso de choiva neste último lugar se celebraría no Casino do Seixo. En Mugardos estiman unha gran afluencia nesta nova edición, tras superar o ano pasado os 2.000 espectadores.

Para a concelleira de Turismo de Ferrol, María Teresa Deus, este Festival Jazz de Ría “é unha boa forma de economizar tamén a hostelería e o comercio de Ferrol”, onde as actuacións en Ferrol terán lugar na Praza Vella, e en caso de choiva sería no Teatro Jofre. Estas actuacións “son moi boas”, nun Festival Jazz de Ría “que nos últimos anos foi un éxito e neste ano vai a multiplicarse.

A directora do festival, Aitana Cuétara, mostrouse moi satisfeita pola calidade da programación que unha vez máis pon a comarca de Ferrolterra como punto de referencia dentro do circuito de festivais de jazz da península. Cuétara lembrou que en só dúas edicións (2017 e 2018), o festival ampliou notablemente o seu público e a súa repercusión mediática cunha proposta singular en canto a espazos e músicas que o posiciona neste momento como un dos mellores festivais de jazz de Galicia, nomeado na categoría de Mellor Festival na última edición dos Premios Martín Códax da Música.

Tamén amosou o seu pesar por non poder contar nesta edición co Castelo de San Felipe e as lanchas como localizacións para os concertos a causa da premura da organización, que este ano se viu interferida polas mudanzas dentro da administración local. A este respecto, asegurou que nos últimos días son moitas as persoas, veciñas tanto de Mugardos como de Ferrol, as que lamentan que non haxa servizo de lanchas para esta edición, “un síntoma de que o festival xa está na axenda da xente”, segundo manifestou a directora. Cuétara avanzou que agarda que, tras a consolidación do festival nesta edición, se poda traballar con máis tempo o próximo ano para volver incorporar a lancha como medio de transporte e tamén os espazos que dependen do seu servizo para poder acoller programación.

O cartel desta edición 2019 vai ter como protagonistas as mellores propostas musicais galegas de jazz, dando ao mesmo tempo ao público a oportunidade de descubrir bandas novas doutros territorios; e fomentando os encontros de músicos galegos con músicos doutros lugares onde o ensino e a cultura jazz están especialmente valoradas, servindo tamén como ponte para exportar o noso jazz e importar novas ideas das que aprender.

A participación de todos os tipos de público tamén é unha parte importante da filosofía do festival. Todos os concertos son abertos e gratuítos.

O festival fará a súa apertura no Cantón de Cora de Mugardos o venres pola noite, coa proposta de Manuel Gutiérrez Trío pulsando as teclas da elegancia e da expresividade, e cun Gutiérrez que brilla neste trío con outra luz, máis lixeiro.

O sábado a mediodía, David Regueiro Trío terán o privilexio de estrear o novo espazo que incopora o festival nesta edición, o entorno máxico do Campo do Río, no Seixo, onde este recoñecido guitarrista de swing y manouche desenvolverá xunto cos músicos que o acompañan unha proposta pensada para poñer ao público a bailar.

E pola noite, a partir das 22:00, o festival acolle a Carlos Sarduy Afrocuban Jazz Quartet, a proposta vibrante e innovadora do músico cubano Carlos Sarduy, un dos trompetistas de jazz latino con maior proxección internacional, que ten colaborado con grandes artistas como Chucho Valdés, Bebo Valdés, Steve Coleman, David Murray, Esperanza Spalding, Buika, Ainhoa Arteta, Mariza ou Ojos de Brujo, entre outros, chegando a gañar con eles tres Grammys.

O domingo 18 a Praza Vella de Ferrol mostrará o mellor jazz galego. Ao mediodía, Xacobe Martínez Antelo Trío, finalistas nos Premios Martín Códax 2019 na categoría de Mellor Proxecto de Jazz, achegarán unha proposta de jazz galego de primeira liña, en liberdade e sen complexos, que xurde dende o corazón e o peito, e que non coñece límites nin fai concesións. Con esta formación Xacobe Martinez Antelo continúa na senda da tradición xenuinamente jazzística, esta vez acompañado de dous grandes: Xosé Miguélez no saxo tenor e Max Gómez na batería.

E pola noite, un peche excepcional para o festival: Marcos Teira Quinteto NÓs, Premio Martín Códax da Música 2019 na categoría de Mellor Proxecto de Músicas do Mundo. NÓs é unha proposta mestiza e persoal, e as músicas que o compoñen viaxan a través dunha nova e suxestiva paisaxe sonora que no directo, engaden a mestría do guitarrista Marcos Teira, a raza de Moisés Fernández no caixón, Alejandro Vargas no piano, Alfonso Calvo no contrabaixo e Isaías Salazar no baile.

Lea también

Concierto por el 75 aniversario de la Filarmónica Ferrolana

Este jueves día 18 a las 20:30 horas en el Auditorio de Ferrol,  la Filármonica …