O Jazz de Ría consolídase como un festival diverso, celebrado e necesario para Ferrolterra

Concerto de Jazz de Ría | Jazz de Ría

O Festival Jazz de Ría despídese sabendo que debe volver. O éxito de público en todos os concertos, a redescuberta dos espazos e a convivencia multicultural que se viviu no concerto de peche co jazz flamenco de Marcos Teira, confirman ao JDR como un festival necesario.

Ao remate do festival, a súa directora, Aitana Cuétara, fai un balance moito máis que positivo ao asegurar que “nesta edición superáronse todas as expectativas porque partiamos dunha proposta de transición, cunha programación modesta e algo máis reducida en canto a espazos debido as mudanzas deste ano nas administracións locais, pero a resposta do público foi impresionante con cheos en todos os concertos“.

Cuétara explica que a diversidade de estilos do programa logrou atraer a moita máis xente que gozou coas propostas de swing, manouche, jazz latino ou flamenco jazz, que conseguiron enganchar a novos públicos e tamén a público novo, en referencia aos nenos e nenas que o ano pasado participaron no obradoiro de jazz e improvisación vocal e que nesta edición se achegaron interesados a disfrutar dos concertos vestindo as camisetas do festival, nunha clara identificación co evento.

Por último, a directora destaca a posta en valor dos espazos e o agradecemento da xente que durante os tres días do festival, ao final de cada concerto, agardaba para dar os parabéns á organización e aos artistas ao tempo que demandaba unha próxima edición. A este respecto, tanto Cuétara como as responsables das administracións locais de Ferrol e Mugardos, agardan poder traballar na que será a cuarta edición e facelo con tempo suficiente para seguir mellorando e facendo medrar este festival que, en apenas tres anos, xa se converteu en todo un referente en Galicia.

Lea también

A biblioteca municipal acolle o xoves 19 o espectáculo “Soul & literatura”

A biblioteca municipal, na Praza de España, acollerá o próximo 19 de setembro, ás 20 …