O Concello de Narón destina 36.100 euros ao acondicionamento de dúas glorietas ubicadas en Xuvia e Sedes

Unha das glorietas da estrada de Castela, a localizada na saída do ramal da AP-9 en Xuvia, nas inmediacións da siderometalúrxica Megasa, loce unha imaxe renovada tras un investimento municipal que rondou os 9.700 euros.

O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, explicou que os traballos de xardinería realizados na citada rotonda “permiten dar un importante cambio estético a ese espazo da parroquia de Xuvia, unha das vías de entrada na cidade dende a AP-9 e que dende o goberno local se apostou por ornamentar con diferentes especies”.

A empresa adxudicataria dos traballos de xardinería no termo municipal naronés plantou na glorieta un olivo tipo “bonsái”, varias especies de flores e tamén pequenos arbustos ornamentais. Nos vindeiros días, tal e como avanzou Santalla, con cargo a este mesmo proxecto da área de Servizos, procederase a instalar puntos de luz no chan para iluminar a nova área axardinada.

O concelleiro naronés explicou tamén que o goberno local está rematando o proceso de contratación dos traballos que permitirán tamén axardinar outra rotonda da localidade, en concreto a ubicada na parroquia de Sedes, na estrada que comunica a autovía con Sedes e Pedroso. Neste caso, tal e como indicou Santalla, os traballos a executar suporán un desembolso duns 26.400 euros. Neste caso, apuntou o edil, “trátase dunha superficie de maiores dimensións que a de Xuvia e na que se colocará céspede artificial e areón de cor tostado, facendo unha figura en forma de espiral”.

“Nos dous casos trátase duns traballos que mellorarán a estética destas rotondas, xa existentes, e que con cargo a un plan de renovación das glorietas do termo municipal naronés presentarán un aspecto moito máis renovado en zonas cunha considerable afluencia de vehículos na cidade”, tal e como asegurou Ibán Santalla. O edil naronés incidiu en que dende o goberno local “continuaremos traballando para mellorar tanto as dotacións como os equipamentos comunitarios da cidade”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …