A cucaña eumesa

José Fonte Sardiña
A cucaña marítima é unha antiga tradición da vila mariñá de Pontedeume que xa se celebraba en 1881 o oito de setembro, como pode verse no programa das festas daquel ano, e consiste en subir, os rapaces e os que non o son tanto, e

Libro Festas 

agora tamén as rapazas, por un pau cheo de sebo chantado nunha embarcación para coller a bandeira―antes deEspaña, agora de Galicia e algunha vez a de Pontedeume― que se atopa cravada na súa punta.

Nun dos barcos pesqueiros fondeado nun lugar pretiño da ponte de pedra onde hai bastante calado ―nos meus tempos nenos utilizábase a chupona―, colócanse os participantes e, na súa popa, sitúase o pau que mide uns catro ou cinco metros.

A ponte e a ribeira están ateigadas de xente e moitos barcos cheos tamén de eumeses e algún forasteiro rodean a embarcación que ten o pau.

Hai que coller a bandeira que está na punta do pau e, cando un dos participantes, despois de moitas caídas espectaculares ao mar dos antecesores e algunha que outra costelada, o logra, os organizadores botan unha bomba e os gaiteiros tocan unha muiñeira.

Os mómaros, desde a primeira rampla, presiden a cerimonia. A xente berra “Sebo ao pau” ou “Sebo al palo”, segundo quen o pida, e os organizadores deben obedecer. A primeira bandeira é a que ten un premio maior e a terceira e última, o menor.

Chuspi

Case todos os anos leva un dos tres premios da cucaña Pablo Delgado, o meu querido antigo alumno en Lingua e Historia ―que non na arte de coller a bandeira subindo polo pau cheo de sebo na que el é o auténtico mestre―, que segue os pasos de grandes cucañeiros e amigos que viviron ou naceron na Ricardo Sánchez, como Chuspi Veiga, Paco o Chona, Zalo Villar, seu fillo e herdeiro Carlos ou o seu inesquecible sobriño Fran, moi querido por min e por tantos eumeses que o lembramos sempre e especialmente nesta festa na que era decote protagonista.

 

 

Sempre recordarei a celebración do eumés Juan Domínguez ―orgulloso membro dunha familia de grandes cucañeiros― do seu gol en Riazor contra o Alcorcón facendo equilibrios sobre a liña de fondo ata o córner, coma se estivese subindo polo pau cheo de sebo da nosa cucaña para coller a bandeira (Foto de Carmen Pérez Rodríguez).

Cando se colle a terceira bandeira, despois de botar a bomba que o anuncia e de soar a muiñeira preceptiva, estoupa unha gran traca e realízase a queima do galán, que é un moneco que vai montado nun caiuco e voga a remos pares con todas as súas forzas para que a embarcación dea voltas e todo remata cando lle rebenta a cabeza que salta polos aires e cae ao chan. Manuel de Vilar, nun artigo publicado no Libro das Festas das Peras de 1995, pensa que esta “autoinmolación do mariñeiro se converte nun acto de agradecemento, submisión e respecto […]. O galán vira sobre si mesmo e rema
frenético, malia que sen rumbo […], desorientado, porque os humanos imos decote sen saber a onde nos diriximos, na procura da nosa fortuna”. Eu penso que pode ser unha especie de sacrificio ao mar pedindo protección e prosperidade a cambio de traballo e esforzo, simbolizados no remar do mariñeiro ata quedar sen folgos, pero isto é unha especulación miña (Foto de Lola Fornos Ríos-Garabana).

Unha vez que todo finaliza, os mómaros volven bailando cara á praza Real, que cómpre tomar o último viño antes de ir xantar.

Lea también

Temporada filarmónica

Julia Mª Dopico Vale El próximo viernes 27 de septiembre arrancará la temporada de conciertos …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *