A alcaldesa de Narón reuniuse coa conselleira de Educación e ofreceu a colaboración do Concello para materializar varios proxectos

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, reuníronse  coa
conselleira de Educación, Carmen Pomar, o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén e o xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana, para abordar diferentes temas relacionados coa área educativa na cidade. O encontro tivo lugar tras case un ano dende a primeira solicitude formalizada dende o Concello para abordar a situación da cidade coa máxima responsable da Consellería de Educación.

A escola de Pedroso

O primeiro dos temas plantexados pola alcaldesa da cidade foi coñecer o motivo da negativa da Xunta a reabrir a escola unitaria de Pedroso. Os representantes da administración autonómica explicaron ao respecto que a liña a seguir neste tipo de centros era que cando pechaban –a Xunta non abriu a de
Pedroso no curso 2018-2019 – xa non volvían a reabrirse. Ferreiro trasladou á conselleira a preocupación dos pais e nais, incidindo na importancia de que o centro se reabrise ao contar este ano co mínimo de matrículas esixidas, seis, pero a titular de Educación mantivo que seguirían o criterio da Xunta de non reabrir as escolas que se pechan.

Ao respecto, a alcaldesa criticou “a falta de información que os pais e nais tiveron durante o procedemento e tamén as falsas expectativas creadas para, no último momento, coñecer a través do
Diario Oficial de Galicia que non reabriría ao non asignarse persoal docente para a unitaria de Pedroso”.

Convenio  para melloras en colexios

A alcaldesa da cidade puxo tamén sobre a mesa unha vella proposta impulsada dende o goberno local naronés para asinar un convenio entre ambas a acometer actuacións de mellora en centros de ensino da cidade. “Nós destinamos este último ano unha partida de 100.000 euros a tarefas de mantemento en colexios da cidade, algunhas delas que non son propias das competencias do Concello, senón da Xunta, pero estamos dispostos a asinar un convenio para pagar ata o 50% de actuacións pendientes en centros de ensino da cidade, que se analizarían tras realizar un diagnóstico da situación actual dos edificios”, explicou Ferreiro

Comedor en Piñeiros, Centro de Formación Prefesional e novo colexio no Alto

No transcurso da xuntanza a alcaldesa plantexou tamén á conselleira a posibilidade de habilitar un comedor escolar no colexio de Piñeiros, unha demanda do centro e que como tal trasladó Ferreiro a Educación.

Entre as reivindicacións de Ferreiro a Carmen Pomar, ao secretario xeral técnico e ao xefe territorial de Educación estiveron a construción dun Centro Integrado de Formación Profesional en Narón e a dun novo colexio no barrio do Alto.

Sobre o Centro Integrado de Formación Profesional Ferreiro explicou na reunión que na oitava cidade de Galicia a oferta de formación profesional redúcese a dous ciclos –un superior de Administración e Finanzas e outro medio de Xestión Administrativa-, Electricidade e Electrónica e Servizos Comerciais Profesionais (os dous básicos) no IES Terra de Trasancos; un profesional tamén básico de Carpintería e Moble no IES As Telleiras e outro de Administración no CPR Santiago Apóstol. “Trátase dunha oferta, á vista está, insuficiente para unha cidade de 40.000 habitantes, polo que consideramos precisa unha maior implicación da Xunta para construír un Centro Integrado de Formación Profesional no que se imparta formación adaptada ás demandas de empresas da comarca e que permita facilitar ás veciñas e veciños de Narón a súa posible inserción no mercado laboral”.

Entre as opcións plantexadas dende Narón están o Ciclo Superior de Transporte e Loxística, o de Comercio Internacional e o Industrias Alimentarias. A alcaldesa ofreceulle á Xunta os terreos necesarios para executar os traballos de construción dese CIFP. Os representantes de Educación comprometéronse a analizar tanto a proposta de construción do CIFP como a do colexio do Alto do Castiñeiro para dar unha resposta ao Concello sobre estas posibilidades.

 

“Plantexamos unha serie de propostas totalmente viables e ofrecendo a total colaboración do Concello, tanto a nivel económico como poñendo terreos a disposición, co fin de que a Consellería de Educación se implique coa cidade para levar a cabo tan necesarios proxectos”, subliñou Ferreiro.

Lea también

Narón conmemora o Día Internacional do Libro cun “Pequeno obradoiro literario”

Os nenos interesados en participar no Pequeno obradoiro literario organizado na Biblioteca municipal de Narón poderán …