O Concello convoca a cobertura de urxencia de tres prazas en Recursos Humanos mediante comisión de servizos

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Economía, Facenda e Recursos Humanos, que dirixe María Teresa Deus, publicou a convocatoria de tres prazas que agora mesmo están vacantes: xefatura de servizo, técnico de prevención de riscos e xefatura de sección, todas elas no departamento de Recursos Humanos. Este proceso enmárcase dentro dos plans do goberno local de “reforzar especialmente” as áreas que ao longo dos últimos anos acumulan máis necesidades de persoal, segundo explicou a concelleira.

A convocatoria vai dirixida a funcionarios de carreira dos grupos A1 e A2, que deberán presentar no Concello a súa petición, para que sexan tidos en conta no procedemento de nomeamento en comisión de servizos, acompañada do seu currículo profesional, ata o 23 de setembro. Este persoal prestará servizo en réxime de especial dedicación realizando unha xornada de traballo de 40 horas semanais, sen prexuízo dos incrementos horarios que ocasionalmente sexan precisos por necesidades do servizo, tal como figura na convocatoria. Os postos poderán desempeñalos funcionarios doutras Administracións públicas, incluída a local, con titulación das ramas económicas e/ou xurídica ou equivalentes.

A complexidade e especialidade do traballo neste servizo fai imprescindible, “en aras de evitar un grave prexuízo ao normal funcionamento, a cobertura urxente dos citados postos, isto sen prexuízo da súa cobertura con carácter definitivo”, contempla o decreto asinado pola edil. Para elo, acóllese á normativa autonómica que establece que cando un posto queda vacante, poderá ser cuberto, no caso de urxente e inaprazable necesidade, en comisión de servizos, durante o prazo máximo dun ano ou ata a resolución do seguinte concurso, no suposto de que este se resolvese antes da finalización de dito prazo, con outro funcionario que reúna os requisitos establecidos para o seu desempeño nas relacións de postos de traballo. A mesma norma contempla a posibilidade de prorrogar a comisión de servizos por outro ano máis se o posto continúa vacante.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …