O alcalde mostra a súa preocupación polas consecuencias das obras que a Xunta está a facer no colexio de Canido

O alcalde, Ángel Mato, mostrou esta mañá a súa “profunda preocupación” polos problemas que están a causar as obras que a Xunta de Galicia está a facer no CEIP Cruceiro de Canido. Mato explicou que o Concello, “mantendo o seu compromiso de colaborar na medida do posible”, duplicou o número de persoas do equipo de limpeza que traballa no centro, “pese a que retirar a suciedade provocada polos traballos non é responsabilidade municipal”, e insistiu que a Administración local ten a obriga de realizar as labores de limpeza ordinarias, pero de ningunha maneira as derivadas dunhas obras que xeran residuos dos que deben facerse cargo os responsables das mesmas.

Aínda así, dixo, o Concello segue mostrando a súa vontade de axudar, cousa que xa está a facer, cos seus medios polo ben dos nenos, “que son o que verdadeiramente preocupa”.

O problema máis grave reside en que o persoal enviado polo Concello atopouse esta mañá con que áreas do edificio que xa tiñan limpado volvían estar cubertas de po, co que “ao final o seu traballo non é eficaz” por causas que lles son totalmente alleas. Desde ese servizo trasladáronlle ao alcalde que o óptimo sería que a obra se abordase por fases ben definidas, para poder limpar áreas concretas nas que os traballos estivesen totalmente rematados e poder reabrilas sen perigo de que se volvesen manchar. Sen embargo, atópanse con que se está a actuar en puntos moi diferentes ao mesmo tempo, o que lles dificulta, ou mesmo lles impide, facer correctamente a tarefa.

Falta de organización

Ou se organizan as obras, ou non hai maneira de resolvelo”, asegurou o alcalde, que reclamou que a Consellería envíe de urxencia persoal técnico para que comprobe cómose está a executar a obra. El mesmo, durante a visita que realizou acompañado polo concelleiro Antonio Golpe, puido ver que non se tomaron as medidas adecuadas para que a sucidade non alcanzase o mobiliario e o material escolar que estaba depositado en moitas dependencias, co que se poden ver máquinas, material de construcción e lixo mesturados con xoguetes, libros, mesas, cadeiras, etcétera.

O problema, afirmou Ángel Mato, é que a situación segue igual. Nalgunhas dependencias non se están a tomar medidas para protexer nin o material escolar nin o mobiliario, co que cando se limpa unha zona, o po vólvese acumular en canto se volven emprender os traballos.

Insiste na firme intención de prestar axuda “pensando no ben dos alumnos”

Mato insistiu en que o Concello ten a firme intención de prestar a súa axuda para intentar que os alumnos “non padezan a mala planificación das obras”, pero para que esta colaboración sexa efectiva, dixo, é necesario que a Consellería se implique en atallar un problema que se prolongará mentres duren os traballos. O importante, lembrou, é resolvelo canto antes, “pensando unicamente no ben dos alumnos”.

Lea también

Psoe Ferrol «hai fórmulas para a estabilidade económica de Emafesa sen subirlle o recibo aos veciños»

O grupo municipal socialista cree que «hai outras formulas para conseguir a estabilidade económica de …