Máis de 2.200 espectadores acudirán esta finde ás funcións da comedia “Unha noite na praia” no Pazo da Cultura de Narón

O Pazo da Cultura de Narón acollerá este venres o primeiro dos espectáculos programados dende o Padroado da Cultura para o último cuadrimestre deste ano. Esta programación retomarase con tres
funcións da comedia “Unha noite na praia”, que colgaron xa hai varias semanas o cartel de “completo. Un total de 2.264 persoas acudirán como público o venres, sábado e domingo ao Pazo para ver aos cómicos galegos Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, protagonistas de “Unha noite na praia”.

Durante hora e media os espectadores desta comedia coñecerán a dous personaxes moi distintos, o sueco Klaus, e Manuel, un home galego que traballa nun chiringuito dunha praia. Chegada a noite, Manuel, o camarero, quere marchar para a súa casa a durmir tras un intenso día de traballo, pero o
cliente, Klaus, pídelle que lle poña a última cervexa. Mentres toma a consumición os dous contarán unha serie de historias recordando parte das súas vidas.

Tres pases

O Padroado da Cultura programou tres pases desta comedia, o primeiro deles este venres ás 20.30 horas; o segundo o sábado ás 20.00 h. e un terceiro o domingo ás 19.00 horas. Unha vez máis, ao igual que pasara na representación de “Somos criminais”, Touriñán e Blanco colgaron en cuestión de poucas semanas o cartel de “completo” no Pazo da Cultura.

O venres, día 20, recital poético-musical

Este mesmo mes de setembro continuará a programación co recital poético-musical “De abrentes e ocasos”, que terá lugar o vindeiro 20 de setembro, ás 20.30 horas, no Café Teatro do Pazo da Cultura. A compañía Teatro do Atlántico trae a Narón este espectáculo, no que participan María Barcala, Aleixandre Lago e Xulio Lago. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).

José María Pou actuará o día 28 con “Viejo amigo Cicerón»

Na xornada do 28 de setembro terá lugar ás 20.00 horas a representación da obra de teatro “Viejo amigo Cicerón”, de Teatro Romea e o Festival Internacional de Teatro de Mérida. A nova produción de Teatro Romea para este ano ofrece un relato biográfico dramatizado da figura deste histórico orador, situando ao espectador na antiga Roma. Os actores José María Pou, Bernat Quintana e Miranda Gas forman parte do elenco desta obra, escrita por Ernesto Caballero. As entradas teñen un prezo de 22 euros para o público xeral e de 15,50 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de
estudante (ata 25 anos).

Éxito, un ano máis

A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro destacou “o éxito que un ano máis esta tendo a programación deseñada dende o Padroado da Cultura, que non podía retomar a súa actividade no Pazo con mellores datos que colgando o cartel de completo para as tres primeiras funcións, reunindo a máis de 2.200 persoas”.

A programación deste cuadrimestre do ano pode consultarse ao completo a través da web do Concello –www.naron.es- e do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es-.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …