Aberto o prazo de presentación de imaxes á X edición do Concurso de Fotografía en Narón

O Concello de Narón abriu este luns, día 16, o prazo de presentación de imaxes á décima edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, animou ás persoas interesadas en participar a presentar as súas fotos no Concello –Rexistro municipal, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00- para o que disporán de prazo ata o día 27 deste mes. O certame repartirá este ano 1.200 euros en premios e as bases do mesmo poden consultarse ao completo a través da páxina web do Concello, no enlace: http://www.naron.es/web/docs/Bases-X-Concurso-Fotografía.pdf. A edil naronesa animou á cidadanía a presentarse a este concurso “amosando a riqueza do noso concello en diferentes ámbitos e optando aos premios establecidos na convocatoria”.

As imaxes, un máximo de tres por participante, deben amosar a riqueza de Narón en diferentes ámbitos: humano e social (deportes, industria, festas populares, veciñanza…), espazos naturais de interese, culturais, de lecer, patrimonio, etc., e é obrigatorio que o lugar ou o entorno que apareza na imaxe sexa de Narón e se recoñeza como tal. Un xurado especializado valorará á hora da puntuación das imaxes o seu impacto visual, a calidade técnico artística e a creatividade (con ata dez puntos cada apartado).

A fotografía con maior puntuación será premiada con 750 euros, mentres que a segunda e a terceira recibirán 300 e 150 euros, respectivamente. A maiores das tres imaxes con premio, seleccionaranse as nove seguintes mellor puntuadas para ilustrar o calendario de sobremesa que editará o Concello o vindeiro ano.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión: 1517) ou escribir ao enderezo electrónico: a.fernandez@naron.es.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …