Constituído o grupo de traballo de infancia, familia e adolescencia de Benestar Social do Concello de Ferrol

Esta mañá constituíuse o primeiro dos grupos especializados a través dos que a concellería de Benestar Social quere establecer unha comunicación permanente e unha colaboración eficaz entre a Administración local e as entidades do terceiro sector. Trátase do que se orientará a infancia, familia e adolescencia, que estará integrado pola concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, un técnico da área responsable de Menores e representantes de Aspaneps, Acción Familiar, Secretariado Gitano, Dignidad, Teima, Asfedro e Exalcohólicos.

Durante a primeira reunión definíronse algunhas liñas de traballo nas que se afondará en próximos encontros. A concelleira de Benestar Social lembrou aos asistentes que as políticas dirixidas á infancia e á familia son “unha prioridade” para a súa área e que a prevención e a educación son “piares fundamentais para evitar que se perpetúen situacións de pobreza e de exclusión social”. Martínez Montero cualificou este primeiro encontro de “moi satisfactorio” tanto pola participación de tantas entidades como porque “houbo coincidencia entre todas elas” en traballar de forma coordinada co Concello. O que tratan de impulsar iniciativas coma esta é que, “entre todos, se optimicen tanto os recursos dispoñibles coma os convenios entre o Concello e as entidades” para posibilitar as sinerxías.

A concelleira expuxo algunhas das actuacións que o goberno local quere desenvolver, como a prevención das drogodependencias e as ludopatías mediante a educación, atallar o absentismo escolar, promover a educación sexual e impulsar a atención temperá. En todo caso, mostrouse aberta á participación das entidades e ás súas suxestións, non só nestes temas, senón “tamén en outros que consideren”.

Na próxima reunión do grupo de traballo cada entidade fará unha presentación dos programas nos que traballa no ámbito dos menores e explicará en que cuestións considera que pode contribuír de forma máis directa e cales son prioritarias. A intención da concelleira é que unha das primeiras medidas sexa traballar no eido da educación sexual. Para elo confía en que, tras a boa disposición que observou nesta primeira xuntanza, se poida contar coa colaboración dalgunha das entidades do grupo de traballo.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …