Algo máis de medio centenar de persoas participarán no “X Campionato de Tenis de mesa pola saúde mental”

Fernando Montero, José Oreona, Félix Pena, Catalina García e Paula Díaz en rolda de prensa | Concello de Narón

Os concelleiros de Deportes, José Oreona, e Benestar Social, Catalina García, presentaron esta mañá con Félix Pena e Paula Díaz, presidente e terapeuta ocupacional, respectivamente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, e co presidente do Club Narón Tenis de Mesa, Fernando Montero, a décima edición do “Campionato de Tenis de mesa pola saúde mental”. O evento, organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal en colaboración coa Federación Saude Mental Feafes Galicia, o Concello e o clube Narón Tenis de Mesa, terá lugar o vindeiro venres, día 20 no pavillón Campo da Serra a partir das 9.30 horas. No campionato participarán 58 persoas procedentes de oito asociacións de toda Galicia e entre os seus obxectivos están o de “promover a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e fomentar a práctica de ocio normalizado”.

Os participantes proveñen de asociacións e delegacións de Saúde Mental Feafes Galicia: Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Ordes), Apem (Cee), Avelaíña (A Guarda), Doa (Vigo e Cangas), Saúde Mental Feafes Galicia (Vigo), e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón). Ao longo de toda a mañá, ata as 14.00 horas aproximadamente, os participantes xogarán partidos individuais e ao remate do mesmo haberá un xantar de convivencia.

A través deste evento apóstase tamén por “promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre o colectivo”, tal e como indicou Félix Pena. Mediante actividades como a que se desenvolverá este sábado na cidade, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal “amosa á sociedade a imaxe máis positiva da saúde mental, combatindo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a esta realidade”, explicou. Así mesmo, dende a organización incidiron tamén en que as actividades de ocio e deporte que organizan “axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, ao romper os participantes coa súa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica, socializarse e integrarse na sociedade, ao tempo que dan un respiro aos seus familiares na súa tarefa de coidadores”.

Pena agradeceu a colaboración do Concello de Narón e destacou a importancia de diversificar as actividades que se desenvolven dende a entidade. Pola súa parte, o presidente do Club Tenis de Mesa Narón recordou que este é o “terceiro ano consecutivo que colaboramos neste campionato e facémolo con moita ilusión porque é unha gran oportunidade para vivir a pureza do deporte por riba dos resultados”.

O concelleiro de Deportes naronés asegurou que dende o Concello “estamos moi orgullosos de que contárades con nós para colaborar neste evento” e amosou o “apoio a este tipo de iniciativas”, ao tempo que valorou tamén a colaboración prestada polo Club Tenis de Mesa Narón.

Así mesmo, a concelleira de Benestar Social animou á asociación naronesa a continuar impulsando este tipo de eventos deportivos na cidade. “É unha forma de integrarse, non só de facer exercicio, senón tamén de tratar de que a sociedade nos vexa a todos como persoas, coas nosas diversidades, e buscando o trato de igual a igual”. García e Oreona convidaron á cidadanía a acudir a esta cita deportiva o vindeiro venres, día 20.

Lea también

O Parrulo Ferrol recibe este sábado al Jaén Paraíso Interior

Este sábado O Parrulo Ferrol vuelve a jugar delante de su afición en el Pabellón …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *