Hoxe no Pazo da Cultura de Narón recital poético musical «De abrentes e ocaso»

O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acolle este venres, ás 20.30 horas, o recital poético musical “De abrentes e ocasos”, a cargo da compañía Teatro do Atlántico. Baixo a dirección de Xulio Lago actuarán María Barcala, Aleixandre Lago e Xulio Lago, nun espectáculo dirixido a persoas adultas e dunha hora de duración.

O amor, a relación coa terra e a paisaxe, a loita social e a igualdade de xénero son temas que están moi presentes neste recital, no que a voz, o corpo e a música darán eco á palabra poética e abrirán un espazo para comunicar emocións e reflexións. Estas cuestións abórdanse dende o horizonte de Galicia e da lingua galega.

Nesta intensa e emotiva viaxe, Teatro do Atlántico faise acompañar da palabra de ao redor de vinte poetas: Uxío Novoneyra, Marta Dacosta, Fiz Vergara Vilariño, Olalla Cociña, Inma L. Silva, Eduardo Blanco Amor, Salvador García Bodaño, Manolo Rivas, Pilar Pallarés, Luísa Villalta, Sophia de Mello, Eduard Velasco, Xúlio L. Valcárcel, Antía Otero, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Eva Veiga, Antón Avilés de Taramancos, Maria Xosé Queizán, e María Victoria Moreno.

As entradas aínda dispoñibles poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es- a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).

Lea también

O Plan Único da Deputación inviste 211.400€ para converter a r/da Garda de Narón nun bulevar

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou unha visita institucional ao Concello …