Os participantes no programa Sicted de calidade turística recibiron as súas acreditacións no Torrente Ballester

Foto de familia tras a entrega de diplomas | Concello de Ferrol

As empresas e entidades que participan no programa Sicted (Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destinos), que promove a Secretaría de Estado de Turismo coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias, recolleron onte no Centro Torrente Ballester as súas acreditacións tras ter superado o proceso de avaliación para obter o distintivo de calidade turística ou telo renovado este ano. Presidiron o acto o alcalde, Ángel Mato; a concelleira de Turismo, María Teresa Deus; o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería, Emilio Vázquez; es as concelleiras do grupo do Partido Popular María del Carmen García e Ana Leira.

Rey Vázquez animou na súa intervención a que as empresas participen no programa, que é “moi esixente” pero tamén “unha garantía”. Deus asegurou que acadar este selo de calidade supón “unha tarefa diaria moi estricta” e que desde Ferrol “estase a facer un bo traballo” no eido do turismo. Por elo, deu as súas felicitacións a todos os participantes e invitounos a que continúen coa mesma liña. “Que cada vez sexades máis”, desexou a edil, porque, se se prima a calidade, dixo, “o turismo vai medrar”.

Ángel Mato insistiu na aposta por esa calidade como “o obxectivo clave” e unha aposta que “permite competir” no sector turístico. O alcalde dixo que a cidade “ten moitos valores que amosar”, algúns vinculados ao seu “carácter industrial”, pero tamén de outros eidos. Asegurou que para o Concello é “un orgullo” apoiar o traballo que levan a cabo entidades e empresas como as que estaban representadas no patio do Torrente e afirmou que son “os mellores embaixadores” dun Ferrol que é “único, singular”, polo que debe aproveitar a “expansión sen precedentes” que vive o turismo. Por iso, pediulles que continúen a “poñer en valor a cidade”. Os distintivos do Sicted, dixo, “son unha pequena contribución” a que se acade este obxectivo.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …