A gavela de Pepa a Loba nas Fragas do Eume

José Fonte Sardiña
Xa no primeiro terzo do século XIX había na comarca do Eume unha intensa actividade bandoleira, que operaba na fraga e na súa contorna. Pero, talvez debido ao forte arraigo social da defensa da propiedade privada existente en Galicia e a que estes bandidos tiñan como vítimas quer aos ricos quer aos humildes labregos, sen distinción, ao contrario que en Andalucía, onde só lles atacaban aos máis podentes, non existe complicidade entre o bandoleiro e a sociedade campesiña galega da que provén.

Entre as gavelas que actuaban na Fraga do Eume, ao abeiro da espesura protectora do
bosque milenario, estaba, segundo a lenda, a de Pepa a Loba, que foi merecente de
aparecer no romance “O cruceiro do Monte” do Poeta da Raza, Ramón Cabanillas,
en Camiños do tempo. “E dende alí ollaban as vereas / e os camiños travesos / coa
carabina ó lombo / do paso dos civiles en axexo / os espías da Loba e do Xan Quinto, /ladróns e cabaleiros”. Vicente Risco tamén referiu esta historia, que logo foi cantada
nun romance de cego recollido por Vicente Piñeiro González na súa obra de  teatro  Pepa a Loba, ou narrada na novela Pepa a Loba de Carlos González Reigosa, que fixo tamén unha edición en castelán.

A rudeza de carácter de Pepa a Loba é debida a que de nena presenciou a violación da
súa nai. “Desde que era moi pequena / coñece fama e miseria, / e viu como aldraxaban / a súa nai con violencia”, conta Vicente Piñeiro González. Sendo aínda moi nova, traballaba como pastora e houbo de facerlle fronte a un lobo coa axuda do seu can, Lueiro, para defender o rabaño, motivo polo que recibe o seu alcume.

Foi á cadea condenada inxustamente polo asasinato do seu marido e tío, que non cometera, pero logrou escapar e, logo de se vingar do verdadeiro asasino, o seu pai, que nunca a recoñecera, refúxiase nos bosques co seu amado Daniel, onde sobreviviu como a capitá dunha gavela de bandoleiros.

Esta figura mítica feminina do bandoleirismo galego aparece situada en moitos lugares de Galicia e a etapa na que se converteu en xefa da súa gavela ben puido acontecer na Fraga do Eume ou en calquera outro bosque galego, xa que a súa sona se espallou por toda a nosa terra. Como afirma González Reigosa, non é posible identificar con exactitude o territorio xeográfico no que actuaba a Loba, pero si se pode afirmar que os sucesos recollidos nas lendas responden a tradicións fondamente enraizadas en lugares desa máis de media Galicia que soubo da súa fama.

Na última etapa da Loba, xa cun fillo e morto o seu amado Daniel, “a nova estratexia da bandoleira consistía en operar lonxe, para non poñer en perigo o seu seguro refuxio na Lousada de Xermade. Os novos límites caían por Viveiro, polo Norte, e por Ferrol, polo Oeste. Ese era o novo territorio das súas andanzas […], sobre todo nas concas dos ríos Eume, Sor, Landro e Grandal”, conta Reigosa, polo que é seguro que chegou a actuar na Fraga do Eume e na súa contorna.

Segundo esta versión, na Serra do Xistral foi detida novamente pola Garda Civil, que a
levou ao cárcere de Mondoñedo; desde alí foi trasladada á prisión de mulleres da
Coruña, onde recibiu a visita de Concepción Arenal, e, cando conseguiu fuxir, non se
volveu saber nunca máis dela. Como ben di Reigosa, “se cadra, sempre houbo ―e hai― unha Loba rebelde e irmandiña na nosa terra. Porque é ben certo que, cando unha lenda engarabita polas pernas da historia, ambas as dúas ―historia e lenda― acaban por fundírense para sempre, irremediablemente”.

Busto Concepción Arenal

Anos máis tarde, como acredita o relato sobre Pancho de Ramiro Fonte en Os ollos da
ponte, durante a fratricida guerra e a posguerra civil española, grupos de resistentes e
simpatizantes do goberno republicano buscaron tamén refuxio nas Fragas do Eume.

Lea también

Un presente gris y mediocre

Pedro Sande García Me pregunto si el motivo de haber estado más de dos meses …