Ángel Mato di que en cen días “Ferrol volve estar en marcha” e insiste no seu empeño en ser “o alcalde de todos”

Ángel Mato en rueda de prensa | Adán Puentes

Ferrol volve estar en marcha”. Tras cen días da súa toma de posesión, o alcalde, Ángel Mato, fixo hoxe un repaso exhaustivo do inicio do seu mandato. Insistiu en que dúas cousas ás que lles prestou especial atención foron “recuperar a ilusión dos ferroláns” e exercer as súas funcións sen perder de vista que é “o alcalde de todos”, dos que o votaron “e dos que non”. “Algunhas das medidas que adoptamos xa soarán, porque figuraban no programa co que nos presentamos ás eleccións”, asegurou Mato antes de explicar que o seu proxecto para o mandato “só está a dar os primeiros pasos”.

Un dos máis importantes foi empezar a reorganización interna do Concello, que padece os efectos dunha “gravísima falta de persoal” como consecuencia das políticas de reducción de gasto da Administración. Xa se convocaron varias prazas en comisión de servizo para a área de Recursos Humanos e adoitáronse medidas tendentes a impulsar o departamento de Contratación, da mesma maneira que se incrementou o persoal no de Benestar Social e se está en proceso no de Cultura.

Nunha intervención posterior ante os medios, con motivo da presentación dun novo vehículo da Policía Local, Mato asegurou que “traballar no día a día da cidade” foi prioritario, e que segue a ser así. “Para min, cen días son como cento un”, dixo.

Nestes máis de tres meses que pasaron desde o 15 de xuño, o rexedor desenvolveu unha intensa actividade para normalizar as relacións e reactivar a colaboración entre o Concello e o resto das Administracións, así como de outras institucións, froito da cal, por exemplo, visitaron o concello o delegado do Goberno, a subdelegada e o presidente da Deputación.

Ampliación do CHUF e novo emprazamento da residencia de maiores

Ademais, o equipo de Mato logrou desbloquear a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), unha xestión que lle permitiu á Xunta poder anunciar hai uns días o comezo dunhas obras “tan necesarias” como demoradas no tempo. Tamén se puxo a disposición do Goberno galego para axudar a resolver os problemas que está a causar a reforma do colexio Cruceiro de Canido, que leva a cabo a Consellería de Educación.

Con outro departamento autonómico, o de Política Social, abordouse o novo emprazamento da residencia de maiores, planeada primeiro para a zona de Catabois, pero que finalmente se levantará nunha parcela do Bertón (moito máis próxima ás zonas poboadas da cidade), que o Concello porá a disposición da consellería. Isto suporá para os veciños de Ferrol un importante beneficio, xa que moitos deles non dependerán de ningún medio de transporte para poder acceder ás instalacións, que está previsto que conten con capacidade para 120 persoas.

Beirarrúas de Serantes e A Cabana e mellora da estrada en San Xoán

Nestes primeiros cen días de goberno de Ángel Mato tamén se deron grandes pasos noutros “proxectos importantes” que veñen darlles resposta a unha reclamación histórica, as beirarrúas da estrada entre Serantes e A Cabana. Das catro fases das que consta o proxecto da Deputación, só a primeira estaba rematada. Agora acaba de comezar a expropiación dos terreos para a segunda, a cargo do Concello, e tamén se vén de aprobar no pleno municipal a terceira fase, que moi pronto se someterá ao pleno da corporación provincial.

Durante a visita do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, este comprometeuse co alcalde e cos veciños a que as catro fases destas obras estarán rematadas antes de que conclúa o mandato. Así mesmo, avanzou que a reforma da travesía na estrada de San Xoán a Catabois comezará este outono.

Seguridade

O labor no plano institucional substanciouse igualmente en que se volvese convocar, a petición do alcalde, a Xunta Local de Seguridade, na que se abordaron temas tan importantes como a problemática do barrio de Recimil ou a constitución da mesa local en materia de violencia de xénero.

Intenso plan de limpeza

Parte dese traballo para normalizar relacións serviu para implicar ás demais Administracións no “intenso” plan de limpeza e desbroces que por parte do Concello se puxo en marcha ao inicio do verán e que se desenvolveu tanto nos espazos urbanos como na área rural. Púidose levar a cabo tamén grazas a que o equipo de goberno intensificou a coordinación coas empresas que prestan varios dos servizos municipais, o que posibilitou acadar melloras en aspectos tales como a limpeza ou o mantemento dos xardíns ou dos parques infantís.

Universidade

En canto ás relacións con outras institucións asentadas na cidade, como poden ser a Armada ou a Universidade, o alcalde mostrou a vontade de colaboración que quere que as rexa. Coa UDC, por exemplo, o goberno de Ángel Mato aspira a estreitar lazos para abrir o campus á cidade. E como mostra, a celebración, a próxima fin de semana no recinto universitario, do festival Festeiro, que servirá, ademais de para consolidar unha oferta musical aberta a todos os ferroláns, para dar a benvida aos estudantes que inician curso.

Do mesmo xeito, tamén se lle facilitou á Universidade un espazo municipal para darlle relevancia a un dos actos máis importantes que a institución académica ten celebrado na cidade, como foi o nomeamento da profesora Denise Gastaldo, da Universidade de Toronto, como doutora honoris causa, un acto que tivo lugar no Teatro Jofre.

Festas para todos

A aposta de levar a Esteiro o festival que se celebrará o próximo sábado enmárcase, por outra parte, na intención do goberno local de levar as actividades culturais e as festas a todos os barrios e incluso ao medio rural do municipio. Por iso, as festas de verán, que este ano se organizaron contra reloxo por mor da súa proximidade ás eleccións, comezaron esa liña de descentralizar os espectáculos e levalos, ademais da Magdalena, á praza de España, a Caranza ou a Canido. Os concertos lograron un grande éxito ao congregar, deste xeito, a arredor de 40.000 persoas, polo que no futuro, contando con máis marxe de tempo para a planificación, incidirase nesta idea. No capítulo festivo, o alcalde lembrou que se lles deu continuidade a iniciativas que xa se viñan programando e que se consideraron positivas para a cidade, como pode ser o Jazz de Ría, e se seguiu prestando total apoio ás xa consolidadas e contrastadas, como o festival das Meninas de Canido.

De cara ao próximo ano, xa se constituíu un grupo de traballo sobre Carvalho Calero, homenaxeado nas Letras Galegas e a figura que, xunto a de Concepción Arenal, sobre a que tamén se está a traballar xa, marcará a axenda da cultura en Ferrol.

Dinamización da cidade e do comercio e fomento do emprego

O alcalde dixo que todas estas iniciativas xa forman parte do que debe ser un futuro e máis ambicioso proxecto de dinamización para a cidade para “axudar aos diferentes sectores”, que servirá para impulsar o comercio e a hostalería. Así o contempla a concellería de Promoción Económica, que está a dar os primeiros pasos para acordar propostas cos comerciantes e implicalos na súa aplicación. De feito, en breve comezarán os contactos con eles. O plan completo inclúe tanto medidas de promoción como fomento das novas tecnoloxías e de formación e asesoramento.

Dentro da mesma área de goberno estase dando continuidade ás accións de promoción de emprego e xa se preparan outras, como unha nova edición do programa Ferrol Inserta, que está a acadar excelentes resultados. De feito, esta mesma semana vaise presentar outro proxecto referido á inserción laboral.

Mobilidade e plan de transporte

Do mesmo xeito, o alcalde concédelle unha grande relevancia á cuestión da mobilidade e as comunicacións. Recentemente o Concello presentou varias alegacións ao plan de transporte de viaxeiros que prepara a Xunta para que contemplen diversas peculiaridades de Ferrol, como a necesidade de que máis servizos teñan parada na área sanitaria, que se contemplen conexións máis rápidas con Lugo ou que se teña en conta que o futuro plan de mobilidade de Ferrol implicará novas esixencias e cambios par que o proxecto da Administración galega se adapte ás novas necesidades da cidade.

Emafesa, cuestión de “responsabilidade

Mato tamén se referiu á situación da empresa de augas. Sobre Emafesa asegurou que desde xuño ten posto todo o seu empeño en arranxar a “delicadísima situación” da compañía e dixo que aínda que pode entender certas reivindicacións, a súa obriga é velar polo ben común dos ferroláns, o que implica actuar con “responsabilidade” e non tomar, de ningún xeito, decisións que a posteriori supoñan un prexuízo irreparable para o Concello e para os cidadáns. O alcalde insistiu en que neste asunto é necesario ser prácticos e realistas. Unha das liñas de traballo que se están a seguir, afirmou, é conseguir que Narón pague a débeda que mantén coa empresa, e para iso, xa se mantiveron contactos e non se descarta ningunha medida se é necesaria.

Políticas de benestar social e de igualdade

Para rematar, o rexedor fixo fincapé en que o seu equipo está a cumprir cos compromisos en materia de benestar social. Entre os logros destes primeiros cen días de goberno, enumerou a adhesión do Concello de Ferrol á historia social única electrónica; a campaña para a promoción do acompañamento de maiores e a teleasistencia en colaboración coa Cruz Vermella; a extensa programación con motivo do día dos maiores; a constitución dun grupo de traballo de infancia, familia e adolescencia, o primeiro dos foros especializados promovidos pola concellería de Benestar Social; e o comezo dos trámites para crear o primeiro Consello Sectorial Municipal de Benestar Social.

Do mesmo xeito, tamén está avanzada a posta en marcha do Consello Sectorial de Igualdade e Muller. O rexedor incidiu no compromiso do Concello na loita contra a violencia de xénero, e lembrou que hoxe mesmo comezou un curso de autodefensa para mulleres.

Aberto ao diálogo

Ángel Mato insistiu en que está “aberto ao diálogo” con todos os grupos políticos e con todas as Administracións “en todo o que sexa importante para Ferrol”, como está a facer no inicio do seu mandato.

Lea también

La Cátedra Jorge Juan, promovida por la UDC y la Armada, conmemora su 30 aniversario en el Campus de Ferrol

El rector de la Universidad de A Coruña, Ricardo Cao Abad, presidida, junto con el almirante …