O concello de Narón convoca a XI edición do concurso de pintura

O concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, presentou a undécima edición do Concurso de Pintura Cidade de Narón. As persoas interesadas en participar deberán presentar as súas obras a partir do vindeiro 14 de outubro, e ata o día 31 deste mes, no Pazo da Cultura (rúa Holanda, s/n; 15.570, Narón) en horario de 9.00 a 14.00 e dende as 17.00 ata as 21.00 horas, tal e como indicou o edil. O certame repartirá 2.850 euros en catro premios.

O certame conta con dúas categorías, unha para persoas adultas (a partir de 16 anos) e outra infantil (ata 15 anos), estando esta última fóra de concurso. Cada autor poderá presentar un máximo dunha obra, sen sinatura, orixinal e con técnica e estilo libres.

A obra que obteña o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, pasará a ser propiedade do Padroado da Cultura de Narón e o autor ou autora da mesma non poderá presentarse a este certamen as dúas vindeiras edicións e terá dereito a unha exposición de quince días da súa obra no Pazo. O segundo premio será de 750 euros e o terceiro de 400, se ben un ano máis se entregará o Premio especial Francisco Criado, dotado con 200 euros, en recordo a un veciño de San Xiao e pintor xa falecido. Así mesmo, as persoas seleccionadas para a fase final recibirán un diploma acreditativo.

Un xurado profesional encargarase de seleccionar as obras que pasarán á fase final do concurso e que permanecerán expostas no Pazo da Cultura dende o 11 ata o 23 de novembro, donde se poderán ver de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. Inicialmente está prevista a exposición dun total de 40 obras, se ben esta cifra podería ser maior no caso de que así o considerase o xurado. O fallo dos premios será o día 15 de novembro, para proceder á entrega dos mesmos o 23 de novembro, coincidindo co Día de Narón, festividade local.

As bases ao completo desta edición do certame poden consultarse a través da páxina web do Concello de Narón: http://www.naron.es/web/docs/Diptico_XI_concurso_pintura.pdf.

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …