Os franciscanos do convento aresán de Santa Catarina de Montefaro e a ponte medieval eumesa.

José Fonte Sardiña
O pasado venres, catro de outubro, celebramos na parroquia dos Tilos, na que eu vivo,nben pretiño da capital de Galicia, a festa do noso patrón, san Francisco de Asís, aquel que logrou amansar o terrible lobo de Gubbio, cuxa historia narrou no seu poema Los motivos del lobo Rubén Darío e deixou esculpida en pedra o escultor Asorey ―que tiña a honra de levar o nome do santo― en Santiago de Compostela, no peculiar cruceiro que se atopa ao pé da igrexa de San Francisco.

Conta a tradición e así o recolle tamén o capítulo IV das Fioretti de san Francesco, un
fermoso libro anónimo do século XIV que presenta os principais acontecementos da
vida do santo ―narra así mesmo a historia do lobo de Gubbio no capítulo XXI― e foi
marabillosamente traducido á nosa lingua por Darío Xohán Cabana co gallo do oitavocentenario da peregrinación de san Francisco a Santiago de Compostela, que en 1214,“no principio e fundación da Orde, cando había poucos frades e non se estableceranaínda os conventos, san Francisco, pola súa devoción, foi a Santiago de Galicia, e levoucanda el algúns frades […]. Chegados aló, e estando de noite en oración na igrexa deSantiago, foille revelado por Deus a san Francisco que debía fundar moitos conventospolo mundo, porque a súa Orde se debía dilatar e medrar en gran multitude de frades. E por esta revelación empezou a fundar conventos naquelas terras”. En 1239 xa había unha comunidade de frades franciscanos en Compostela e a Orde comezaba a espallarsepor Galicia, Aragón e Castela, especialmente nos lugares polos que pasaban os peregrinos que transitaban polo Camiño de Santiago.

Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo porque unha lenda lle atribúe a construción desete pontes en sete ríos caudalosos, sete mosteiros, sete igrexas e sete hospitais, foi undecidido impulsor do Camiño Inglés a Santiago. Alí levantou moitas destas obras como as pontes de Xuvia, O Burgo, A Ponte do Porco, A Ponte Baxoi, Lambre, Pontedeume e parte da de Sigüeiro; e fundou e apoiou igrexas, mosteiros ou hospitais franciscanos en Betanzos ―en cuxo templo está enterrado―, Ferrol, A Coruña e Pontedeume. Así e todo, talvez a obra máis importante que o Bo patrocinou foi a espléndida ponte de pedra de Pontedeume ―recreada no marabilloso debuxo que Fernando Sarmiento Calvo fixo consonte o rigoroso estudo do profesor Correa Arias―, que chegou a ter sesenta e oito arcos e a dispoñer dunha capela e un hospital, entre os arcos vinte e vinte e dous, comezando a contar desde a parte de Pontedeume.

Un privilexio de vinte de marzo de 1384 asinado polo rei Xoán I (1379-1390)
―recollido por Vaamonde Lores― confirma que Fernán Pérez de Andrade mandou
facer con cargo ao seu peculio a ponte eumesa e que se comprometía a levantar alí unha capela e un hospital para pobres e peregrinos e a os dotar para sempre co décimo da madeira, os impostos do portádego da vila e o recadado nas misas celebradas na capela.
Tamén dá fe de que o Bo impulsara esta magna construción unha inscrición que se fixo gravar no xabaril colocado, xunto co oso ―símbolos ambos os dous da Casa dos
Andrade―, nos ocos dos tallamares, entre os arcos segundo e terceiro, contados desde a orela eumesa ―hoxe están a carón do claustro do convento agostiño de Pontedeume―, onde se pode ler, consonte a transcrición que fixo Antonio de la Iglesia: EN NA ERA DE MIL E CCCLXXX. ANO9 [TRESCENTOS OITENTA ANOS], / DA NACENZA DE / NOSO SENOR IESU XUO [CRISTO] / POR ABRIL COMEZADA E /ACABARONA EM SEIS AN9 [ANOS] ESTA / PONTE.

O Bo encomendoulles o coidado e a atención desta capela e do hospital do Espírito
Santo ―no que se debían reservar catro camas para os peregrinos do Camiño Inglés a
Santiago de Compostela― aos frades franciscanos do convento de Santa Catarina de
Montefaro, que o primeiro señor de Pontedeume fundara, nos anos oitenta do século
XIV, no vello mosteiro que alí mandara facer a mediados do XII o conde Pedro Osorio
da Casa dos Traba, cando aínda san Francisco non nacera (Foto cedida pola Concellería de Turismo, Comercio, Industria e Patrimonio do Concello de Ares).

Despois de máis de catrocentos anos prestando, unhas veces mellor e outras peor, ese
servizo, en 1820, o superior do convento de Santa Catarina de Montefaro envíalle unha carta ao alcalde da vila de Pontedeume na que lle comunica que a Orde franciscana renuncia á súa encomenda porque o hospital xa non estaba en uso e tampouco non se cumprían as primitivas condicións para atender a capela (Foto cedida pola Concellería de Turismo, Comercio, Industria e Patrimonio do Concello de Ares).

Este convento de Santa Catarina de Montefaro, abandonado polos frades franciscanos
coa desamortización de 1836, foi magnificamente rehabilitado polo Concello de Ares
―ao que pertence desde xaneiro do ano 2000―, a través de obradoiros de emprego en 2008. Aquí se celebran hoxe importantes e diversas actividades culturais, eventos e
vodas. Os seus fermosos claustros, o retablo barroco da igrexa, as figuras zoomórficas e as escenas da vida de san Francisco dos seus capiteis, e todas as súas dependencias
poden visitarse a diario nos meses de verán, de once da mañá ás sete da tarde ―os
domingos, visitas guiadas ás doce e media―, e os sábados e domingos, neste mesmo
horario, o resto do ano. Ademais, os colexios poden concertar co Concello de Ares
visitas noutros días (Foto cedida pola Concellería de Turismo, Comercio, Industria e
Patrimonio do Concello de Ares).

O hospital eumés do Espírito Santo foi demolido en 1841 e a capela, en 1867, para
construír a nova ponte, que hoxe conta con só quince arcos.

A presenza de san Francisco na igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume pode
verse no retablo da Nosa Señora do Rosario, sito no cruceiro do templo, no lado do
Evanxeo, que acolle no ático unha imaxe en madeira do santo do século XVIII.

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …