O alcalde ofrece colaboración á Escola Náutico-Pesqueira para promocionar un centro que é “un privilexio” para Ferrol

Ángel Mato na visita a Escola Náutico-Pesqueira | Concello de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, visitou esta mañá a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, un centro “de referencia para todo o norte da provincia da Coruña e A Mariña lucense”. Telo na cidade supón “un privilexio”, dixo. Para o rexedor, é importante que se dea a coñecer que as titulacións e a formación específica que se imparten na sede de Serantes abren un amplo abano de posibilidades laborais aos alumnos. En moitos casos, a taxa de incorporación ao mercado laboral dos estudantes da escola aproxímase ao cen por cen, tal como explicou o director, Enrique Cobelo, quen lembrou que o centro ferrolán é o único de carácter público que hai en Galicia no que se poden realizar os cursos de seguridade marítima imprescindibles para embarcar, en calquera posto tanto dun pesqueiro como da mariña mercante.

Dar a coñecer este centro, na cidade e tamén fóra dela, é moi importante para o goberno local, asegurou Mato, que lle ofreceu ao director iniciar “unha senda de colaboración” para promocionar a Escola Oficial Náutico-Pesqueira. Cobelo agradeceulle ao alcalde a súa implicación e tamén lle pediu axuda respecto dalgunhas demandas, relacionadas coa comunicación da escola co centro da cidade ou a mellora do seu entorno, que Mato se comprometeu a analizar.

Lea también

Aparece el cadáver de una mujer en el patio de luces del edificio donde residía, en Ferrol

Sobre las tres de la tarde de este viernes fue encontrado el cuerpo sin vida …