Chega o festival Fóra do Mapa, “unha das citas ineludibles deste outono”

Ángel Mato, Cristina Moreira, Antonio Golpe e Julián Reina na presentación de Fóra do Mapa | Concello de Ferrol

Un edificio do arquitecto Rodolfo Ucha situado na rúa Rubalcava foi o escenario esta mañá da presentación da cuarta edición do festival Fóra do Mapa, que entre o luns 14 e o domingo 20 de outubro vai levar o teatro por diferentes espazos da cidade, moitos deles totalmente descoñecidos por tratarse do interior de edificios de propiedade privada. O alcalde, Ángel Mato, a coordinadora do festival, Cristina Moreira, e os concelleiros de Cultura, Antonio Golpe, e Urbanismo, Julián Reina, elixiron para avanzar o programa desta iniciativa teatral precisamente o lugar onde se desenvolverá o obradoiro a partir do que se creará a peza que clausurará o festival o domingo ás seis da tarde.

Neste taller, para o que aínda queda algunha praza libre, traballarán dez persoas baixo a dirección de Claudia Faci. Para anotarse será necesario enviar un currículo e unha carta de motivación a través da web do festival (www.foradomapafestival.com). O horario será de 10:00 a 14:00 desde o luns 14 ata o venres 18. “A ver en qué se inspiran, porque con esa sensibilidade que teñen os artistas, posúense pola historia das casas”, dixo Cristina Moreira, para a que ver a evolución desta acción formativa que sempre está presente en Fóra do Mapa vai ser “moi especial”.

A coordinadora deulle a esta cuarta edición o valor de supoñer a da “consolidación”, asegurou, e tamén o de comprobar que “a xente de Ferrol está volcada á hora de buscar os espazos”, algo que lle resultou “moi bonito”. “A xente xa espera o momento de Fóra do Mapa”, asegurou.

Respecto da orientación deste ano, dixo que vai ser “superfeminista” e moi variada, “un pouco para todos os públicos”. De feito, explicou que se buscaron espectáculos para que se sentira “identificada” a xente máis nova, como un de Riot Comedy. Tamén participarán artistas de Ferrol “que están moi lonxe, como Ada Fernández, que vén dende Nova York” e se encargará dunha representación o martes, mentres que no Centro Torrente Ballester haberá unha exposición de Lara Lars.

“Todo é de balde”

Dentro desta diversidade, o público terá a oportunidade de achegarse á micropoesía e a gran novidade será un espectáculo de rúa, a cargo da compañía Impás. Todo isto, unido ás pezas de microteatro no barrio da Magdalena, que marcan o carácter de Fóra do Mapa. “O máis bonito é que todos os Ferroles se xunten nun festival coma este”, que cada función a escolle “un tipo de público determinado” e que, ademais, “todo é de balde”, concluíu a coordinadora.

Para o alcalde, Ángel Mato, esta é “unha das citas ineludibles deste outono”, polo que, dixo, quen aínda non asistira nunca ao festival “ten a oportunidade única” de contemplar á vez o patrimonio histórico de Ferrol “no interior destes espazos” e a magníficos artistas teatrais. Mato mostrou o compromiso do Concello con Fóra do Mapa, un evento “consolidado” que este ano “vai ser aínda moito mellor”, xa que incluír no programa o teatro de rúa significará que a cidade “vai estar, dalgún xeito, en festa”.

O rexedor ferrolán, que confesou que sente especial devoción por esas obras de microteatro que en Fóra do Mapa se representan ante apenas trinta persoas, afirmou: “Estou completamente seguro de que quen probe vai repetir”.

Reservas e invitacións

Para asistir aos espectáculos é necesario formalizar a reserva por anticipado, ben a través da dirección de corro eléctrónico foradomapaferrol@gmail.com ou ben a través da páxina web www.foradomapafestival.com/#reserva_espectaculos, xa que o aforo é limitado. A excepción son as funcións para o mércores 16 no Centro Torrente Ballester e para o sábado 19 no Teatro Jofre. Nestes dous casos, as invitacións débense retirar no Jofre.

Lea también

El «XVI Concurso de Piano Sociedad Artística Ferrolana-2024» se celebra este sábado día 20

La Sociedad Artística Ferrolana (SAF), celebrará este sábado día 20 en horario de 10 a 14 …