A misteriosa sombra nocturna do peregrino na Quintana, ao pé da catedral de Santiago

José Fonte Sardiña

Contan en Santiago de Compostela que, hai xa un par de séculos, o cóengo máis novo do Cabido da Catedral lle facía as beiras á unha fermosa noviza do mosteiro de San Paio de Antealtares e seica era correspondido por ela.

Os dous namorados, a véspera de que a rapaza tomase os hábitos, decidiron que esa mesma noite, cando a Berenguela dese as derradeiras doce badaladas do día, a mociña fuxiría do convento e o cóengo a agardaría na Quintana, ao pé da torre do Reloxo, vestido de peregrino para que ninguén o puidese recoñecer, e marcharían xuntos fóra de Santiago a vivir libremente o seu amor.

Esa noite o cóengo acudiu puntual á cita coa súa amada e agardou por ela alí ata a saída do sol, pero a noviza arrepentiuse e decidiu ser fiel á súa vocación, tomar os votos definitivos, facerse monxa do convento de San Paio de Antealtares e renunciar ao amor mundano para llo entregar a Deus.

Ela mirábao chorosa desde a ventaíña da súa cela de Antealtares esa e moitas outras
noites, porque o cóengo seguiu acudindo, melancólico, todos os días da súa vida, á
tardiña, desde o mosteiro de San Martiño Pinario onde vivía, coa baldía esperanza de
que a súa amada se decidise unha noite ao acompañar.

Mesmo despois de morto, coma unha alma en pena, non deixou o cóengo de asistir a
aquela ansiada cita e a súa sombra, co hábito e o sombreiro de peregrino, e agarrando
coa man dereita o bordón coa cabaza, aparece diariamente no recanto da dereita, ao pé da torre do Reloxo, contra a noitiña, e non marcha ata que chega a alba do día.

Hai tamén quen di que a sombra deste peregrino reflectida ao pé da torre do Reloxo da Quintana é a do nobre francés Léonard du Revenant, o fillo bastardo do duque de
Borgoña, que veu como penitente a Santiago en peregrinación expiatoria por un crime
que cometera no seu país, cuxa lendaria historia talvez vos conte algún día, e outros
pensan que é o sepultureiro do vello cemiterio da praza que aparece coa pa na man para anunciar a morte dalgún compostelán.

Eu mesmo, que puiden ver esta sombra moitas veces ao pasar de noite pola Quintana e sentín un arrepío o día que escoitei, mentres a contemplaba, as doce badaladas do reloxo da Berenguela, dou fe de que, for a do espírito do cóengo for a do fillo bastardo do duque de Borgoña ou a do sepultureiro do cemiterio da praza, non deixa de presentarse á súa cita ningún día, coa excepción daqueles primeiros meses deste ano nos que, coincidindo coas obras da catedral, misteriosamente deixou de aparecer. Os máis descridos din, e seguramente terán razón, que é o reflexo da luz do farol sobre o piar que hai ao lado; así e todo, a min gústame pensar que algo de verdade, polo menos poética, haberá tamén nestas lendas.

 

Lea también

Nulidades de Matrimonio

José Carlos Enríquez Díaz Debe reconocerse que la Iglesia sugiere a los demás que admitan …