A alcaldesa de Narón asinou un convenio de colaboración coa presidenta de Asfedro

O Concello de Narón e a Asociación Ferrolana de Drogodependencia (Asfedo) renovaron este luns o convenio de colaboración entre ambas partes, tras asinar a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a presidenta da entidade, Rosario Alabau, o correspondente acordo, por importe de 5.000 euros. No acto estivo tamén presente o concelleiro de Sanidade, Santiago Galego.

En virtude a este convenio continuarase desenvolvendo o programa de Educación para a saúde no ámbito da acción social co colectivo afectado por drogadiccións. A través do acordo prestarase asesoramento ao Concello e tamén atención a persoas derivadas dende o Servizo Sociocomunitario municipal ou que poidan acceder ao recurso prestado polos profesionais de Asfedro. Así mesmo, continuaranse levando a cabo accións dirixidas á prevención de condutas adictivas, como o obradoiro impulsado nos centros de ensino de Educación Secundaria de Narón, cunha duración de 40 horas; o obradoiro de Habilidades sociais dirixido ao mesmo alumnado e tamén de 40 horas, e impartindo módulos específicos de prevención de condutas adictivas nas Escolas de Familias municipais, estes últimos de 16 horas. Estas accións lévanse a cabo en coordinación co Servizo Sociocomunitario Municipal e coas unidades de traballo social do Concello naronés.

A presidenta de Asfedro, Rosario Alabau, asegurou que “temos distintos programas que grazas a este convenio podemos financiar, fundamentalmente centrados na área da prevención, que é fundamental”.

Finalmente, a alcaldesa da cidade agradeceu o labor que desenvolve a asociación, o que coincidiu en destacar o edil de Sanidade. Ferreiro recalcou ademais que “un concello, se non existe un tecido asociativo con xente implicada non podería chegar á xente de igual xeito para prestar o importante servizo que prestades dende as entidades». A alcaldesa recordou que dende o Concello xa se está traballando tamén con determinados colectivos, como os escolares, no tema das “novas adiccións”, como é o caso do consumo de alcohol, os videoxogos, a ludopatía, etc.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …