A concelleira de Emprego mostra a súa indignación pola exclusión de Ferrol das accións formativas e dos programas mixtos de formación e emprego da Xunta

María Teresa Deus en rolda de prensa | Adán Puentes

A concelleira María Teresa Deus, responsable da área municipal de Emprego, criticou hoxe, tras o anuncio da concesión dos cursos AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a desempregados) a entidades e administracións locais da provincia da Coruña, que o Concello de Ferrol fose excluído deste programa, ao que presentara seis proxectos destinados a 15 alumnos cada un: dous orientados ao ámbito sociosanitario, un de nivel 1 de administración e tres de competencias clave.

A edil dixo que “é indignante” que se estea a eliminar a Ferrol deste tipo de axudas para a mellora da empregabilidade, posto que recentemente tamén se lle denegaron ao Concello dous obradoiros de emprego. Un deles era de garantía xuvenil e outro de formación dual. Entre ambolosdous, explicou, poderían reunir un total de 36 alumnos.

Deus asegurou que lle vai pedir explicacións á Xunta sobre os criterios que aplicou para non concederlle a Ferrol nin unha soa AFD das 123 que o delegado territorial do Goberno autonómico anunciou onte que lle correspondían á provincia da Coruña, cun investimento total de 5,2 millóns de euros. Segundo dixo, estas solicitudes foron tramitadas do mesmo xeito que noutras convocatorias nas que á cidade si lle foron concedidas estas accións formativas, polo que considera “escandaloso” o que está a acontecer nas últimas semanas. Tamén lembrou que hai algún concello coa metade dehabitantes que Ferrol, e tamén cunha taxa de paro inferior, ao que se lle adxudicaron oito destes cursos, cun orzamento que suma máis de 130.000 euros.

Ferrol Inserta 9

Estase a xogar con algo tan serio como é o emprego para facer política electoral”, reprochou a concelleira, quen advertiu que o Concello ten presentado xa o Ferrol Inserta 9, a continuidade dun programa de emprego que está acadando uns resultados “moi satisfactorios”, e que confía en que lle sexa concedido como ocorreu “coas oito edicións anteriores”. O contrario, asegurou, sería insistir no “agravio” que se está a producir nos últimos tempos.

Lea también

Ciclo de Aulas temáticas para a promoción da saúde dos maiores na AVV de San Pablo en Ferrol

Están organizadas pola Asociación Cáritas e a Consellería de Política Social, en colaboración coa Asociación …