Mato, firme contra a prostitución: “É un cancro dentro de calquera comunidade”

Ángel Mato na súa intervención na conferencia | Concello de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, participou esta mañá na octava xornada organizada pola Rede Galega contra a Trata Sexual: Os danos da explotación sexual, que tivo lugar no salón de actos Concepción Arenal do campus de Esteiro con motivo da celebración mañá do Día Europeo contra a Trata de Persoas.

O rexedor participou na mesa da presentación xunto con Julio Abalde Alonso, reitor da UDC; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e Roberto Ferreiro Eimil, da Rede Galega contra a Trata Sexual. Mato, quen agradeceu que se elixise o salón de actos que leva o nome de Concepción Arenal para celebrar o encontro, dixo que o problema que se abordou durante a xornada “ten moito que ver cunha palabra que se abre paso cada vez con máis forza: Igualdade”.

Cualificou a prostitución como “cancro dentro de calquera comunidade”, unha práctica, dixo, que “debe desaparecer para acadar un modelo san de sociedade”. O alcalde lembrou que as cifras que se manexan en España, de 100.000 mulleres sometidas a “esta auténtica escravitude”, supoñen “non xa un escándalo, senón algo certamente insoportable”.

A clave, en quen o demanda

Na súa intervención, Mato recoñeceu que “queda moito traballo por facer” para erradicar esta “forma de violencia contra as mulleres”, e por iso “non se debe adiar nin por un momento”. “Do que estou certo”, engadiu, “é de que a clave non está na persoa que se prostitúe, senón na que demanda esa prostitución”. Trátase dunha cuestión de “respecto”, dixo, “pero tamén de dereitos” polo que “penso que é imprescindible tratala dende un punto de vista legal”.

O alcalde quixo destacar na súa intervención “a coincidencia que existe entre os dous partidos con maior representación parlamentaria respecto da necesidade deprohibir a prostitución”, e engadiu que “é absolutamente necesaria unha lei integral contra a trata con fins de explotación sexual”, unha ferramenta coa que “sancionar penalmente a quen contribúa á prostitución allea ou se beneficie dela”, do mesmo modo que “sancione a demanda e a compra de prostitución”. Somos moitos, apuntou, “os que estamos convencidos de que é o momento de apostar pola abolición”.

Para rematar, Mato desexou que “desapareza esta forma de violencia” e de que xornadas como la de hoxe “pasen canto antes a analizar a historia e non o presente”.

Como remate da xornada, que se alongará durante todo o día con relatorios de expertos no asunto, representarase hoxe no teatro Jofre, ás 21 horas, a obra teatral Invisibles, de Marián Bañobre. As entradas pódense retirar no mesmo teatro, máximo dúas por persoa.

Lea también

Inauguración en Ferrol de la «II Festa do Marisco de Semana Santa»

Se celebra hasta el próximo domingo bajo una carpa en el muelle ferrolano de Curuxeiras …