“Narón en transición” contempla varias actividades na cidade encamiñadas a concienciar á poboación sobre o cambio climático

O Concello de Narón impulsa, a través da área de Medio Ambiente, presidida polo edil Santiago Galego, o programa “Narón en Transición”. O vindeiro día 26 de outubro o Parque do Río Freixeiro acollerá, a partir das 11.30 horas, un acto de presentación oficial, aberto á cidadanía en xeral e no que se amosarán unha gran variedade de actividades que se poderán desenvolver durante a propia xornada.

O concelleiro naronés animou ás veciñas e veciños de Narón a acudir ás convocatorias que se programarán no marco desta iniciativa e encamiñadas, como explicou, a “concienciar á poboación sobre o grave problema do cambio climático no noso entorno en xeral e no medio ambiente en particular”.

Galego indicou que o programa “Narón en Transición” céntrase “nas tres erres: reducir, reciclar e reutilizar”, incidindo na importancia de impulsar accións “de concienciación colectiva”. No que resta de ano e tamén durante 2020 levaranse a cabo no termo municipal varias accións enmarcadas neste programa. Así o asegurou o edil de Medio Ambiente, que avanzou que todas elas se centrarán en tres áreas: itinerarios didácticos, obradoiros e outros eventos. “Regatos urbáns, Árbores senlleiras e Ciclo da auga formarán parte dos didácticos; Reciclaxe de plásticos, Separación de residuos e Chef solar dos obradoiros e, por último, entre os eventos a levar a cabo o vindeiro ano están unha Feira solar e outra da reciclaxe”, tal e como indicou Galego.

A primeira das citas será o día 26 no Parque do Río Freixeiro, donde as persoas que asistan terán a oportunidade de ver unha mostra das actividades que se levarán a cabo a través de “Narón en transición”. Entre elas, avanzou o concelleiro, están: enxeños solares, xogos populares, obradoiros de chapas, patinetes eléctricos, alimentación saudable e obradoiros de construción e reciclaxe de plástico. Na zona do parque instalarase unha carpa donde se repartirán uns tickets aos asistentes para que vaian visitando as diferentes áreas e coñecer de primeira man o traballo a realizar. Así mesmo, ao tempo que vaian a cada unha delas marcaranlles o ticket e cando visiten tres das cinco estacións –haberá unha por área- recibirán como agasallo unha bolsa reutilizable, promocional desta campaña e feita con recorte de retais de tela.

Posteriormente, na segunda quincena de novembro terá lugar no IES Terra de Trasancos unha charla do divulgador e científico Xavier Fonseca, que falará ao alumnado do centro, no salón de plenos, sobre o cambio climático.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …