Unha vintena de escolares de dez centros da cidade integran o Consello de Participación Infantil de Narón

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu na mañá deste venres, ás 10.00 horas un pleno moi particular, o de constitución do Consello de Participación Infantil, ao que tamén asistiu o secretario municipal, Alfonso de Prado. Un total de vinte nenas e nenos de quinto e sexto de primaria e de cuarto –no caso do CRA- de dez centros de ensino da cidade ocuparon os asentos reservados para os concelleiros e concelleiras para proceder a constituír este novo organismo. A iniciativa responde ao proxecto “Cidade dos Nenos”, impulsada por Francesco Tonucci no ano 1991 e á que se adheriu o Concello de Narón no ano 2015. Á convocatoria acudiron os dous axentes do equipo de Educación Viaria de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López, e tamén representantes da corporación local e persoal dos centros de ensino que participa nesta actividade.

Marián Ferreiro deulles a benvida ao salón de pleno aos escolares e felicitounos “polo traballo que estades realizando dende os centros de ensino xunto co persoal docente e o equipo de Educación Viaria de Narón”. A rexedora local animou aos rapaces e rapazas a “continuar traballando nos vindeiros meses na mesma liña”, para o que ofreceu a “total colaboración e apoio do Concello de Narón”. Ferreiro asegurou que “entre todas e todos faremos un Narón máis seguro, aportando iniciativas que dende o goberno local recibiremos de bo agrado e que permitirán que colaboredes con nós de xeito transversal no deseño e planificación dos servizos e espazos urbáns do Narón do futuro”.

Cun único punto na orde do día, a constitución do Consello de Participación Infantil de Narón, iniciouse a sesión, na que se constituíu a Mesa de Idade cos escolares de maior e menor idade, Ainara Moré Fernández e Gabriel Filgueira Franco, que pasaron a ocupar os espazos máis próximos á alcaldesa e o secretario municipal de cara á constitución oficial do citado organismo. A continuación, os nenos e nenas xuraron ou prometeron formalmente o seu cargo como conselleiros e foron chamados por orde alfabética para que Marián Ferreiro, como máxima representante do Concello, lles entregase unha medalla na que se oficializaba o cargo que ostentarán a partir de agora, en representación do resto de compañeiros e compañeiras dos seus colexios.

Daniela Camiña Nogueira, Uxía César López, Hugo Díaz Martínez, Gabriel Dopico Saavedra, Xoél Durán Martínez, Alba Fernández Piñeiro, Gabriel Filgueira Franco, Iago Ignacio García, Martín Mauriz Barro, Ainara Moré Fernández, Irene Montero Fraga, Sara Núñez Portela, Inés Pérez Martínez, Ernesto Porto González, Martín Puentes Romeu, Iria Sánchez Sánchez, Daniel Santos Lago, Iker Sayar Martínez, Melani Tejada Serna e Antía Triñanes Parapar son os integrantes do Consello de Participación Infantil de Narón. No organismo está representado alumnado dos colexios Ayala, CRA do Val, O Feal, A Gándara, Jorge Juan, Piñeiros, Ponte de Xuvia, Santiago Apóstol, A Solaina e Virxe do Mar.

O traballo dos integrantes do Consello de Participación Infantil continuará a partir de agora nas aulas, con debates sobre os dous primeiros bloques con propostas que se recollerán en fichas en cada centro. No mes de novembro o profesorado dos centros entregará no Concello, nunha sesión de traballo, as propostas do primeiro bloque e a finais dese mesmo mes terá lugar a primeira sesión do Consello de Participación Infantil, no que participarán os conselleiros nomeados hoxe no pleno. Entre todas e todos porán en común as propostas de dous bloques temáticos e presentarán un total de vinte, unha por tema e centro. Os escolares continuarán desenvolvendo o calendario de actividades nos seus respectivos colexios ata o mes de maio, para elaborar en xuño un informe final.

“O Consello de Participación constitúese a modo de experiencia de educación cívica para que os nenos e nenas entendan tamén o funcionamento da administración local, implicándoos no mesmo dun xeito activo e moi participativo”, destacou Ferreiro

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …