Ferrol contará cunha novena edición do Programa Integrado de Emprego

María Teresa Deus en rolda de prensa | Adán Puentes

A concelleira María Teresa Deus informou hoxe na Comisión de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos da concesión da subvención que posibilitará o desenvolvemento da novena edición do Programa Integrado de Emprego, unha iniciativa que comezou no 2008 co proxecto Exerce Ferrol e que, tras o éxito das súas anualidades, continuará co Ferrol Inserta 9. Trátase dunha iniciativa que se prolongará durante 12 meses e que custará 246.875 euros, dos que 197.500 corresponden ao financiamento que vén de aprobar a Xunta.

O programa terá unha atención individualizada. Faise un itinerario en consonancia coas condicións de cada persoa que participa. Das cen que van tomar parte nesta edición, os colectivos prioritarios serán persoas con discapacidade (8), en risco de exclusión (20), menores de 30 anos con baixa cualificación (12), menores de 30 anos (12), desempregados maiores de 45 anos (15), desempregados perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (8), mulleres non incluídas noutros capítulos (15), desempregados de longa duración (6) e inmigrantes (4).

Sete itinerarios

En canto ás accións que se van desenvolver, hai sete itinerarios previstos que son susceptibles de ser modificados en función do perfil das persoas seleccionadas, pero tamén do perfil empresarial da zona. Hai unha novidade con respecto ao Inserta 8: vanse impartir dous certificados de profesionalidade, un de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e outro de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais. Os restantes son: dependente de comercio, xestión de almacénreposición, manipulación de produtos alimentarios, camareiro de pisos e limpeza de establecementos, e actividades polivalentes para construcción e industria 4.0.

Xornada “Obxectivo emprego”

Dentro deste proxecto de Programas Integrados de Emprego, o próximo xoves, 24 de outubro, celebrarase no Antigo Hospicio a xornada Estreitando lazos: Obxectivo emprego, na que participarán a xefa do Servizo de Intermediación no Servizo Público de Emprego de Galicia, representantes das empresas de traballo temporal Nortempo e Adecco, e representantes de Vegalsa, Bricodepôt, DomusVI, Tiger, Penteo Films, AJE Ferrolterra/Cofer, AEF, BNI Albagros, Integratex-Cogami, Teima e Fundación Secretariado Gitano.

Esta iniciativa, que está dirixida a empresas, entidades de Ferrolterra, técnicos de emprego do Concello de Ferrol e ao alumnado do Programa Integrado de Emprego Ferrol Inserta 8, desenvolverase entre as 9.30 a es 14.00 horas.

O PMP do terceiro trimestre

A concelleira de Economía e Facenda tamén lle deu conta á comisión de que o período medio de pago a provedores volveuse cumprir no terceiro trimestre do presente exercicio, logo de tres consecutivos sen que baixara dos 30 días. O PMP situouse nos meses de xullo, agosto e setembro nos 29,88 días. En canto ao PMP legal, que ten un límite de 60 días, baixou neste trimestre ata os 51, segundo detallou Deus.

Axudante da Casa de Acollida, auxiliar de biblioteca e xefatura de RR.HH.

En canto a asuntos relacionados cos recursos humanos do Concello, a edil informou sobre as bases reguladoras para a selección, en quenda libre, dunha praza de axudante da Casa de Acollida, así como das bases dunha de auxiliar de biblioteca e arquivo, grupo C. Ambas corresponden á oferta pública de emprego do 2018.

Así mesmo, María Teresa Deus deu conta do nomeamento dunha xefa de sección de Recursos Humanos en comisión de servizos, un posto que se resolvera convocar o pasado 5 de setembro para a súa urxente cobertura.

Lea también

Desvíos de tráfico de las obras de humanización de la FE-14 Ferrol

El Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible avanza en la ejecución de las obras de …