O Centro de Emprego imparte formación sobre manipulación de alimentos e prevención de riscos no sector metal

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Emprego, que dirixe María Teresa Deus, ten previsto realizar no Centro de Emprego dous cursos de formación durante o mes de novembro para persoas en situación de desemprego.

Tendo en conta a proximidade da época de Nadal, e das potenciais contratacións nos sectores de hostalería, comercio e alimentación que repuntan nestas datas, así como a necesidade das persoas traballadoras nestes sectores de contar cos coñecementos básicos na manipulación de alimentos e hixiene alimentaria, prográmase o curso Manipulador de alimentos e xestión de alérxenos. Impartiranse dúas edicións de 10 horas cada un deles, en horario de mañá, 5 horas ao día. Hai 20 prazas en cada edición.

Para a selección teranse en conta a formación (máximo 2 puntos), o nivel máximo de formación certificado ou acreditado (non acumulable), sen estudos, formación regrada da ESO, Formación Profesional básica e bacharelato, ou formación profesional para o emprego de competencias clave (2 puntos), formación profesional regrada de ciclo medio, FPI, ciclo superior, FPII, ou formación profesional para o emprego de certificado de profesionalidade nivel 2 ou 3 (1 punto), e estudos universitarios (0 puntos). O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de outubro inclusive.

O segundo curso titúlase Prevención de riscos laborais no sector do metal, e impártese tendo en conta as demandas da industria naval en canto á prevención de riscos laborais das persoas traballadoras neste sector. Os participantes dispoñerán da formación necesaria en prevención no sector do metal para desempeñar as súas funcións e ferramentas de coñecemento preventivo nos métodos de traballo. O curso ofrece 20 prazas e constará de 76 horas de duración, en horario de mañá, 5 horas ao día.

Para a selección teranse en conta os seguintes criterios de formación (máximo 2 puntos), nivel máximo de formación certificado ou acreditado (non acumulable), sen estudos (0 puntos), formación regrada da ESO, Formación Profesional básica e bacharelato, ou formación profesional para o emprego de competencias clave (1 punto), formación profesional regrada de ciclo medio, FPI, ciclo superior, FPII, e estudos universitarios, ou formación profesional para o emprego de certificado de profesionalidade nivel 2 ou 3 (2 puntos). O prazo de presentación de solicitudes para este curso estará aberto ata o 31 de outubro inclusive.

Requisitos e entrevistas

Os requisitos para as persoas candidatas a participar en ambos os cursos son que estean en situación de desemprego inscritas no Servizo Publico de Emprego de Galicia, tanto no momento de presentación de solicitude de inscrición como no momento de inicio do curso, estar empadroadas en Ferrol e, en caso de vacantes, terán prioridade as persoas que residan en concellos que formen parte da Mancomunidade.

As persoas candidatas serán convocadas telefonicamente a unha entrevista, na que se valorará a capacidade para poder realizar esta formación e o interese e motivación por traballar nos sectores relacionados con esta. En caso de empate nas puntuacións, resolverase atendendo ao criterio de rigoroso orde de entrada da solicitude de inscrición no Rexistro Xeral do Concello.

A presentación de solicitudes pode realizarse no Rexistro Xeral ou a través da solicitude electrónica na sede do cidadán de www.ferrol.gal acompañada do modelo de solicitude de inscrición, copia do DNI, certificado/volante de padrón para as persoas non empadroadas no Concello de Ferrol, copia do título de formación máxima acreditable e copia do currículum vitae.

Lea también

Ferreiro e Rey Varela valoran a desmontaxe das líneas de alta tensión entre Narón e Ferrol

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de …