Xosé Cuns ofrecerá unha das charlas da Xornada de Inclusión Social que Ferrol celebra mañá no Edificio Social

O Edificio Social do Concello de Ferrol (Rúa Sánchez Barcáiztegui, 35-37) acolle mañá a Xornada de Inclusión Social que se celebra con motivo do Día das Persoas sen Teito que se conmemorou o pasado domingo. A concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, pretende “visibilizar” a situación destas persoas e “loitar contra a discriminación e o estigma que con demasiada frecuencia sofren”, en palabras da edil. Para a organización da xornada, dirixida tanto a profesionais como a público en xeral, creouse o Grupo de Traballo Sen Teito, que engloba ás entidades que traballan con este colectivo: Cáritas, Cociña Económica, Dignidad, Albergue, a área de Psiquiatría no Hospital Naval, Cruz Vermella e a concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol. O obxectivo das xornadas é dobre: sensibilizar á cidadanía e formar aos profesionais. Neste sentido, Martínez quixo agradecer ás entidades colaboradoras o seu traballo e dixo que “sen elas a xestión da administración local neste asunto sería moi difícil”.

Ás 9 horas será a inauguración e a continuación dará comezo a conferencia Plan de atención ás persoas sen fogar de Galicia, a cargo de Ledicia Suárez, técnica da Consellería de Política Social da Dirección Xeral de Inclusión Social. Ao terminar, Joseba Gaya Mandaluniz, educador social e responsable da área Persoas Sen Fogar de Cáritas Bizkaia ofrecerá a conferencia Traballando polos dereitos das persoas sen fogar. Tendencias de intervención: Beste Bi como ferramenta para a loita contra o senfogarismo. Tras un debate coloquio e unha visita ao Centro de Día de Inclusión Social de Cáritas, ás 12.30 horas terá lugar a conferencia Combatemos as mentiras e os prexuízos xunto ás persoas sen fogar: #ContrAporofobia, a cargo de Xosé Cuns, director da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN). Os interesados en obter un diploma de asistencia deben formalizar a súa inscrición na páxina web do Concello de Ferrol.

Lea también

O Campus Industrial de Ferrol acolle a I Xornada de Enfermaría Laboral

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do …