A sala infantil da Biblioteca municipal reabre este luns e a Axencia de Lectura da Gándara recupera o seu horario habitual

O Concello de Narón reabrirá este luns, día 4, a sala infantil da Biblioteca municipal, pechada dende o pasado 8 de outubro debido aos traballos de acondicionamento que se executan nas citadas instalacións municipais. A concelleira responsable da área, Mercedes Taibo, explicou que a sala infantil estará operativa dende mañá no seu horario habitual. A sala infantil abre as súas portas de luns a venres entre as 17.00 e as 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.

Así mesmo, a edil avanzou que a Axencia de Lectura da Gándara, na Casa da Mocidade, recuperará tamén a partir deste luns o seu horario habitual de apertura, de luns a venres entre as 17.00 e as 19.00 horas. Estas últimas instalacións, tal e como recordou Taibo, tiñan ampliado o horario a modo de reforzo debido ao peche temporal da sala infantil da Biblioteca municipal.

As obras de mellora de accesibilidade proxectadas na Biblioteca supoñen un investimento de 39.083 euros. Trátase dunha actuación cofinanciada a través dunha subvención da Consellería de Cultura e Turismo, por importe de 19.969 euros, e reservada ao equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. A adaptación dos aseos (habilitando un accesible no soto da construción), das portas principais dos itinerarios accesibles e de entrada da primeira planta e do soto, así como melloras no sistema de iluminación das escaleiras da planta baixa forman parte do proxecto desta actuación.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …