O maínzo, Castelao, os hórreos galegos e o costume de bicar o pan caído no chan

José Fonte Sardiña

O maínzo, Castelao, os hórreos galegos e o costume de bicar o pan caído no chan. Entre maio e outubro, medra nos eidos de labor de Pontedeume o millo, ou maínzo, como adoitamos dicir os que nacemos ou vivimos nas Terras do Eume. Desde a miña casa das Virtudes vía de neno como o sementaban, pouco despois da Semana Santa, os meus queridos veciños Emérita ―á que todos chamabamos Emerita, sempre afanosa, simpática, falangueira e agarimosa, e o seu entrañable home Manolo, que me
aconsellaba decote con moita sensatez, bondade e tenrura que estudase arreo e ouraba sen descanso no terreo que tiñan a carón da casa. ¡Cantas veces pensei que se eu só levantase a cabeza dos libros como Manolo o facía coa súa do rego non habería exame que se me resistise!

Uns anos algo antes e outros un pouco despois de Defuntos, Manolo e Emérita,
axudados polos seus fillos Aurita e Ángel, e ás veces polo seu xenro Benito ―que este
ano nos deixou―, moi queridos tamén para min, recollían o maínzo mentres escoitaban o programa da radio de Manolo, o fillo maior, que marchara a Madrid. As mazarocas gardábanse nos hórreos galegos e os seus grans servían, entre outras cousas, para facer o pan, sinécdoque universal para designar o alimento, mesmo o espiritual na transubstanciación que se produce no sacramento da Eucaristía.

Aínda que hai diversas hipóteses sobre a orixe dos hórreos galegos que a remontan aos
tempos das construcións palafíticas, ao Neolítico ou á época romana, o certo é que a
primeira imaxe gráfica que temos deles está recollida nunha miniatura da cantiga
CLXXXVII das Cantigas de Santa María, impulsadas e poida que algunhas mesmo
compostas polo rei Afonso X o Sabio, fundador da vila de Pontedeume por mor dun
privilexio asinado en Guadalajara o trinta de decembro de 1270.

A meirande parte dos hórreos galegos levan enriba da porta, a xeito de adorno e
protección, unha cruz sen o Cristo, que adoita mirar cara á igrexa parroquial, como
tamén o facían os cruceiros desde o seu anverso onde si se chantaba, ás veces, a figura
de Xesús encravado, e na outra punta, que en ocasións non ten porta, un pináculo, como este que me descubriron, coa fermosura da ría ao fondo, os meus grandes amigos Héctor Abeijón e Mari Dosil no seu Esteiro muradán.

Así e todo, hainos tamén con dúas cruces, dous pináculos e mesmo outros, os máis
humildes, que non levan adorno ningún.

Castelao fixo, ao meu ver, en “As cruces de pedra na Galiza”, a mellor e máis fermosa
descrición do hórreo galego cando dixo que “é unha ucha sagra, que garda o pan de todo o ano […], un relicario, que garda o corpo do Noso Señor. Os estranxeiros que visitan o noso país toman os hórreos por capeliñas ou por moimentos funerarios, a causa do seu feitío relixioso, sempre coroado por unha cruz […]. A feitura relixiosa dos hórreos galegos provén do respeto que sentimos pol-o pan. Ningún galego criado na lentura relixiosa pode poñer o seu pé enriba dunha frangulla de broa, que recolle do chan dándolle un bico, e co mesmo respeto se tratan as espigas do centeo, do trigo e do millo.

En moitos logares de Galiza, cando o ceo ameaza serabia, os labregos poñen un cacho de pan no peitoril das fiestras que dan cara os nubeiros e tronantes —deidades
malinas— ‘para que Deus non consinta que se apedrée o seu corpo’. E os hórreos
gardan o pan, e por eso teñen a feitura de relicarios. Tanto é así que algunhas veces o piorno [pináculo] está enriba do portalón, porque ten máis virtudes e máis poderío que unha simple cruz”.

¡Cantos cativos eumeses, e tamén galegos, lle demos no tempo da miña infancia ―algúns aínda o facemos hoxe― un bico ao cachiño de pan que nos caía no chan, como di Castelao!

 

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …