O Concello programa sesións de teatro, contacontos, documentais, charlas e unha carreira de cara ao 25N

Cristina Prados en rolda de prensa | Concello de Ferrol

A concelleira de Igualdade e Muller, Cristina Prados, deu a coñecer esta mañá o nutrido programa de actividades que o seu departamento ten preparado para o próximo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Baixo o lema “Liberdade é non ter medo”, a edil explicou que “chegou o momento de dar un paso cara a adiante e resaltar a fortaleza, empoderamento e vitalidade das mulleres”. Por elo, os carteis da nova campaña “estarán visibles en comercios, establecementos hostaleiros e asociacións da zona urbana e rural”, detallou Prados.

A programación de cara ao 25N arrinca o venres 22 de novembro. Ás 11 horas, no Auditorio municipal de Caranza representarse para escolares de Ferrol a obra teatral As fillas bravas, da compañía Chévere. Ás nove da noite comezará en 14 locais da cidade unha serie sesións de microteatro da obra Golpes, coa actriz Estíbaliz Veiga. Sete terán lugar o sábado e outras sete o domingo. Os locais que queiran participar poden inscribirse en www.ferrol.gal entre o 11 e 15 de novembro.

“A situación da violencia contra as mulleres en Ferrol” é o título da charla coloquio que Dolores Cervera, directora do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello dará o sábado 23 na asociación veciñal de Pazos, ás 18. 30 horas. Participarán tamén representantes de Alvixe e Almat. O domingo 24, ás 11 horas, terá lugar a II edición da Carreira e Andaina contra a Violencia de Xénero, de 5 quilómetros de distancia. Sairá do Cantón e xa está aberto ata o día 21 o prazo de inscrición gratuíta na web www.carreirasgalegas.com.

Para escolares de 9 a 12 anos, o Torrente Ballester acollerá o luns, ás 11 horas, o contacontos Non mais pricesas, co actor Pedro Brandariz. Ese mesmo día ás 12 horas no Cantón de Molíns, terá lugar a tradicional plantación de roseiras en homenaxe ás mulleres asasinadas en 2019 e a lectura da declaración institucional do 25N.

O venres día 29, ás 17 horas, na Fonte da Ranita iniciarase o roteiro Ferrol en Femenino que durará unha hora e media e rematará no Cantón. Ese mesmo día, ás 20 horas, a Biblioteca municipal celebrará o contacontos para adolescentes e adultos Micromachista eu?, co actor Caxoto.

Por último, o luns 2 decembro o centro cívico de Caranza proxectará o documental Tódalas mullerese que coñezo, coa presencia da directora e actriz Xiana do Teixeiro. Ás 11 horas estará dirixido a escolares e ás 19 horas ao público en xeral.

A concelleira lembrou que o obxectivo da campaña é “resaltar a enerxía das mulleres é que sintan que a cidade de Ferrol apóiaas”. Ademais, resaltou que gran parte da programación vai dirixida aos cidadáns de menor idade “porque consideramos que a educación entre os mozos en relación a este asunto é fundamental e queremos incidir na súa formación”.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …