30 postos de venda daranse cita este domingo na “XIX Feira do Mel e sector primario afín”en Narón

O recinto feiral do Trece en Narón acollerá este domingo a décimo novena edición da “Feira do Mel e sector primario afín”. Unha trintena de postos de venda –quince de mel- daranse cita nesta convocatoria, organizada un ano máis dende o Concello de Narón. O recinto estará aberto dende as 11.00 ata as 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 20.00. Durante este tempo desenvolveranse diferentes actividades incluídas no programa e dirixidas a persoas de diferentes idades.

A partir das 11.00 horas abrirán os postos de venda de mel artesá e tamén os restantes, que ofrecerán aos asistentes produtos da horta, conservas, queixos artesáns e mesmo haberá un posto de venda de produtos da ría, da Confraría de Barallobre (Fene).

No interior do recinto feiral tamén se habilitará un espazo para realizar os obradoiros programados nesta edición da feira. A partir das 12.00 horas dará comezo un sobre maquillaxes de fantasías, de carácter infantil, e tamén ás 12.00 impartirase un sobre elaboración de candeas con cera –que se desenvolverá tamén pola tarde, ata as 19.00 horas- e a cargo de persoal da Casa do Mel, de Goente (As Pontes).

As propostas matinais desta convocatoria inclúen ademais, ás 12.30 horas, un “showcookimg” cunha degustación final de receitas elaboradas a base de carne de porco celta e nas que o mel local estará moi presente.

O recinto feiral reabrirase ás 16.00 horas, coa actuación do dúo de violín e violonchelo “The Duellist”, que interpretará temas de música de cámara e bandas sonoras. A seguinte cita do programa dará comezo ás 18.00 horas e consistirá nun relatorio técnico sobre “Bioapicultura: unha apicultura sen tratamentos” que impartirá Xosé Manuel Durán Orús, licenciado en Ciencias Químicas pola USC e presidente da Asociación MENA.

A última das citas dará comezo ás 19.00 horas e consistirá nunha minicata de mel na que poderán participar todas as persoas que o desexen. Persoal da Casa do Mel de Goente será o encargado de dar a coñecer aos asistentes as características do mel para poder diferenciar a artesanal da industrial e tamén a monofloral da multifloral, así como as propiedades das mesmas. Ás 20.00 horas procederase ao peche do recinto feiral do Trece, dando por finalizada esta edición da “Feira do Mel e sector primario afín”

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …