Festa e lenda de san Martiño

José Fonte Sardiña
Este luns, once de novembro, é a festa de san Martiño de Tours, patrón da parroquia eumesa de Andrade; da veciña de Porto, en Cabanas; de Teo, o concello onde vivo a carón de Santiago desde hai xa máis dun cuarto de século, e do mosteiro compostelán de Pinario, no que tanto tempo traballei no equipo de Publicacións do Xacobeo con magníficos compañeiros e amigos, baixo a dirección de dous grandes mestres nos Camiños de Santiago ―primeiro o profesor García Iglesias e logo Francisco Singul― cos que vivín anos de moito traballo e así e todo enormemente satisfactorios, e que espertaron en min o interese por investigar o fenómeno xacobeo, especialmente o Camiño Inglés, que parte do porto ferrolán de Curuxeiras e pasa por Pontedeume, e tamén inicia o seu percorrido alternativo desde a igrexa de Santiago da Coruña.

Conta a tradición que no ano 316 nace en Panonia, na actual Hungría, Martiño. Seu pai, tribuno militar do poderoso exército do Imperio Romano, quixo que seguise a tradición familiar e alistouno, con só quince anos, na garda imperial romana. Un día de inverno do 337 entrou cos seus compañeiros na cidade francesa de Amiens e viu nunha das portas da muralla un pobre tremendo de frío. Conmovido pola desgraza daquel home, desenvaiñou a espada e rachou con ela a súa capa de soldado pola metade para a compartir con el. Seica aquela noite o mesmiño Xesús Cristo se lle apareceu nun soño vestido co anaco de capa que lle dera ao mendigo para se abrigar. Desde aquel momento decidiu abrazar a vida relixiosa pero non o puido facer ata o ano 356 polos compromisos militares que adquirira. Foi nomeado bispo da diocese francesa de Tours no 371, onde continuou como prelado ata a súa morte no 397. É representado dacabalo, como soldado, coa espada e a capa rachada que lle entregara ao mendigo, como neste marabilloso ―malia que anacrónico, pola indumentaria do santo― lenzo de El Greco, ou cos atributos de bispo, como na magnífica talla de Juan Anglés que se atopa na catedral de Ourense.

No concello de Pontedeume temos a parroquia de San Martiño de Andrade, que contaba cunha igrexa románica xa no século XII, da que se conservan a ábsida e os seus canzorros, entre os que destacan as figuras dun home e unha muller espidos, que decote se poñían no exterior do templo. Preside o seu retablo a talla pontifical de san Martiño, barbado, que sae en procesión o día da festa; bendice ao pobo coa man dereita e porta na esquerda o báculo co que pastorea o seu rabaño; cobre a cabeza coa mitra, que fala da súa condición de bispo de Tours, e viste unha rica capa dourada, sotana e roquete, sobre o que leva pendurada do colo unha cruz.


A igrexa de San Martiño de Porto en Cabanas, construída a expensas do arcebispo de Santiago de Compostela, o eumés Bartolomé Rajoy y Losada (1751-1772), ten na súa fachada a imaxe en relevo do santo que lle dá nome, dacabalo e compartindo a súa capa cun pobre.

O concello de Teo, onde eu resido, acolleu como patrón a san Martiño e celebra a súa festa cun día non laborable e unha tradicional e afamada feira cabalar na carballeira de Francos, na parroquia de San Xoán de Calo.


Ten tamén para min un significado especial o mosteiro de San Martiño Pinario. O seu topónimo fai referencia ao santo que lle dá nome e ao piñeiral que alí debeu haber, ben pretiño do bosque Libredón, no que di a tradición que foron atopados os sagrados restos do apóstolo Santiago e onde se construíu a catedral compostelá para os venerar.

O ático da fachada barroca do mosteiro acolle a imaxe pétrea de san Martiño dacabalo, rachando coa espada de soldado a súa capa para a compartir co pobre que atopara ás portas da muralla de Amiens, e tamén aparece así representado no frontón da igrexa monástica de Pinario.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …