Ferrol inicia a súa posta a punto de cara ao Xacobeo cunha marca deseñada polo pintor Eduardo Hermida

Reunión do grupo de traballo do Camiño Inglés | Concello de Ferrol

As concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, mantiveron esta mañá a segunda reunión co Grupo de Traballo do Camiño Inglés, creado recentemente co firme propósito de poñer a punto Ferrol para recibir o ano Xacobeo 2021. Os integrantes, ademais do Concello a través das responsables das áreas implicadas, son a Dioceses Mondoñedo-Ferrol, Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Centro Comercial Aberto A Magdalena, Asociación de Hosteleros de Ferrolterra, Empresa Mixta de Turismo de Ferrol, Asociación en Defensa do Patrimonio de Ferrolterra, Asociación Cultural Meninas de Canido, Sail The Way, Asociación O Camiño Inglés, Federación de Anpas Concepción Arenal, Foro Ferrol Vivo e as asociacións de veciños de Ferrol Vello, Centro, A Magdalena, Pedro Padrón, Esteiro e Caranza.

No encontro desta mañá acordouse a marca que representará o Camiño Inglés desde Ferrol, un deseño elaborado polo pintor ferrolán Eduardo Hermida e que contou coa aprobación dos asistentes á reunión. Tamén aprobaron a adhesión do Grupo de Traballo na Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a creación de tres liñas de actuación: Márketing, mantemento e posta en valor da ruta e, por último, dinamización turística. Deus e Martínez invitaron aos integrantes do Grupo a participar naquelas nas que estean interesados e, deste modo, “poñer o foco en aspectos concretos e aproveitar mellor os recursos dispoñibles”, explicou Martínez Montero.

Neste senso, a edil comentou que “o traballo coordinado de todos os axentes implicados na posta en valor do Camiño Inglés desde Ferrol pode axudar a que se converta nunha importante fonte de ingresos para a cidade, sobre todo como producto turístico”. Pola súa banda, a concelleira de Turismo lembrou que Ferrol consolidouse como o quinto punto de saída de todos os camiños. Só entre xuño e setembro de este ano foron 10.301 as persoas que iniciaron a ruta desde a cidade naval, 825 máis que nese mesmo período de 2018.

Os cinco grandes obxectivos sobre os que xa traballan os integrantes do Grupo son a mellora da sinalización que marca a ruta, o mantenemento do trazado para “garantir o paso dos peregrinos nas mellores condicións”, a creación do que sería o primeiro albergue da cidade, recuperar a ruta por mar e, por último, traballar de forma coordinada entre administracións, entidades, comerciantes e hostaleiros “para aproveitar as sinerxías que ofrece o Camiño Inglés”.

Pendentes dunha reunión co conselleiro de Cultura

A edil de Patrimonio lembrou que o Concello de Ferrol aínda está á espera dunha resposta en relación á reunión solicitada ao conselleiro de Cultura para tratar “asuntos como a creación dun albergue, un aspecto que preocupa moito ao equipo de goberno e que temos que iniciar canto antes debido a que supón unha tramitación moi extensa”.

Lea también

Inauguración en Ferrol de la «II Festa do Marisco de Semana Santa»

Se celebra hasta el próximo domingo bajo una carpa en el muelle ferrolano de Curuxeiras …