Aprobado o orzamento 2020 do concello de Narón cos votos de TEGA e PSOE

O bipartito naronés –Terra Galega e PSOE- aprobou no pleno celebrado este xoves o orzamento municipal de 2020, que ascende a 33.420.390 euros. A alcaldesa da cidade recalcou que se trata do documento contable máis elevado da historia de Narón e agradeceu o traballo realizado polo persoal funcionario implicado na elaboración deste documento. O orzamento do vindeiro ano increméntase nun 1,54% con respecto ao correspondente ao actual exercicio.

O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Román Romero, explicou que o Concello continúa mantendo a cero a débeda bancaria. Así mesmo, o edil destacou que os impostos municipais continuarán conxelados e “con esta situación, destinamos unha partida de 2,6 millóns de euros a investimentos, unha cifra que se irá incrementando ao longo do ano coa incorporación dos remanentes e que situará o investimento a finais do ano 2020 en cifras superiores ás do actual exercicio”. A atención ás persoas, destacou, continúa sendo prioritaria, indicou, e ao servizo de Axuda no Fogar destinarananse 2,5 millóns de euros, dos que máis dun millón procederá de fondos municipais, e o resto son aportacións da Xunta e das familias. Os programas de conciliación e igualdade municipais tamén percibirán importantes partidas en 2020.

A maiores, o orzamento contempla o novo contrato de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria, con importantes melloras no servizo tanto na zona urbana como na rural; resérvanse tamén partidas para o mantemento de instalacións municipais e, a maiores, investiranse máis de 500.000 euros en saneamento no lugar de Ferrerías, en Prados; outros 219.000 na rehabilitación do muíño de Xuvia, construirase un parque infantil no Val e novos estacionamentos disuasorios, entre outros investimentos.

As enmendas presentadas polo PP ao documento contable rexeitáronse. O edil de
Xestión Orzamentaria explicou un por un os motivos da desestimación das mesmas. Romero coincidiu coa alcaldesa en tildar de “incoherentes” os plantexamentos dos populares –en canto á relación das demandas e as baixas que realizan- e lamentou a falta de vontade para respaldar un documento principalmente de carácter social.

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, recalcou que se trata dun orzamento “récord” na cidade, con conxelación de impostos e básicamente social. “Os remanentes completarán a área de investimentos”, apuntou Pita, que afeou a falta de compromiso do goberno autonómico con Narón.

Na Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobada tamén este xoves contémplase a creación de tres postos de bombeiro condutor, se ben se realizarán axustes de función en tódolos departamentos municipais.

Así mesmo, aprobouse o prego de cláusulas que rexerá o contrato do servizo de
Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria.

Na sesión plenaria acordouse a adhesión do Concello á plataforma Geiser/Orve, de Rexistro electrónico e sistema de interconexión de rexistros da administración xeral do Estado.

Apoio ao 25N

A corporación local asinou unha declaración institucional que se levou ao pleno en sinal de apoio á conmemoración do 25N, Día Internacional contra a violencia machista, agradecendo Marián Ferreiro a unanimidade acadada por todos os grupos políticos. No documento acórdase, entre outras medidas, instar ao goberno central e grupos políticos do Congreso a realizar modificacións no Código Penal para clarificar o delito de violación; poñer en marcha as medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e demandar á Xunta unha Unidade de Violencia Machista específica.

A prol da reindustrialización

Fóra da orde do día tamén saíu adiante unha declaración institucional contra o esmorecemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e a prol da súa reindustrialización. No documento exponse a situación actual da comarca e consta o apoio de todos os grupos con representación na corporación local–TEGA, PSOE, PP e BNG- á manifestación convocada para a tarde do xoves polos sindicatos CIG, CCOO e UGT.

No apartado de mocións aprobouse a presentada polo BNG sobre a Vía Galega, instando ao Parlamento Galego a considerar a emigración como un drama social e nacional e concebir o problema como unha emerxencia social, así como plantexar unha serie de medidas e políticas para rematar con este drama, tal e como indica o documento.

O BNG ACLARA

«Estamos ante uns orzamentos moi básicos, que se encargan de xestionar o urxente e non no necesario. Que deberían de ser máis participativos e presentalos de outra maneira ao consello de participación cidadá e con máis tempo dunha semana, ou ter máis de dous días para velo antes da comisión. Polo tanto o noso voto só podía ser nesta ocasión desfavorable e iremos facendo propostas concretas durante o ano para intentar facer valer as nosas ideas» sinala o BNG nun comunicado.

CRÍTICA DO PARTIDO POPULAR

O portavoz do Partido Popular no Concello de Narón, Germán Castrillón, criticou  que o goberno local rexeitase todas e cada unha das emendas que a súa formación presentou para modificar algunhas partidas do orzamento municipal para o 2020.

Castrillón explicou que as nove emendas expostas polos popularestrataban de paliar unhas contas que cualificou de “insuficientes” e que seguen coa liña “continuista” dos últimos anos sen dar “novas alternativas”, nin profundar nos principais problemas que existen no municipio e sofren os veciños.

“Lamentamos que o goberno local tombe todas as nosas propostas polo simple feito de ser nosas. Temos a sensación de que nin se pararon a estudalas. De facelo,
daríanse conta de que todas elas están expostas para mellorar a  calidade de vida dos veciños”, asegurou Castrillón.

Neste sentido, o portavoz popular asegurou que a “falta de diálogo” da alcaldesa é unha mostra máis de que Marián Ferreiro “goberna pensando que o municipio é seu”, un feito que, segundo Castrillón,mingua as posibilidades de todos os veciños de Narón.

“Despois de analizar as contas consideramos que é esencial corrixir o orzamento. Non podemos tolerar o incremento de 70.000 euros que se produce na partida do gasto corrente”, dixo Castrillón, quen denunciou que, polo contrario, a cantidade destinada a investimentos vese reducida de “maneira notable sen sabér onde vai parar o incremento que reflicten as contas en xeral”.

 

Lea también

Este mércores comeza a campaña “Comercio de Narón, en Nadal e sempre”

O edil de Promoción Económica do Concello de Narón, David Pita, presentou na mañá deste …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *